Por Galicia Confidencial | Madrid | 13/01/2022 | Actualizada ás 22:00
A organización de conservación mariña OceansAsia calculou que arredor de 1.560 millóns de máscaras anticovid acabaron nos océanos no ano 2020, o que supón unha contaminación extra de entre 4.680 e 6.240 toneladas adicionais de contaminación por plásticos mariños, segundo o informe desta organización. Estas máscaras tardarán uns 450 anos en descompoñerse en microplásticos, afectando negativamente a fauna e aos ecosistemas mariños, segundo OceansAsia.
O informe utilizou unha estimación de produción global de 52.000 millóns de máscaras en 2020. "Os 1.560 millóns de máscaras faciais nos océanos en 2020 son só a punta do iceberg", advertiu esta organización, que avisa de que coa pandemia de covid-19 se acelerou o consumo de plástico.
A contaminación por plásticos mata uns 100.000 mamíferos e tartarugas mariñas, máis dun millón de aves mariñas e un número aínda maior de peixes, invertebrados e outros animais cada ano, segundo OceanAsia
Como sinala OceansAsia, a fabricación e uso de equipos de protección individual (EPI), en particular máscaras faciais, disparouse por mor da pandemia e, con isto, tamén aumentaron os residuos. Así, lembra que as máscaras faciais dun só uso (as cirúrxicas) están feitas a partir dunha variedade de plásticos e son difíciles de reciclar debido tanto á súa composición como ao risco de contaminación e infección. E moitas acaban no mar ou ben arroxadas directamente por persoas ou por unha mala xestión dos residuos.
"A contaminación por plásticos mariños está a devastar os nosos océanos", advirten desde OceansAsia, que estima que a contaminación por plásticos mata uns 100.000 mamíferos e tartarugas mariñas, máis dun millón de aves mariñas e un número aínda maior de peixes, invertebrados e outros animais cada ano, ademais de afectar negativamente na industria pesqueira e turística, e custar á economía global uns 11.000 millóns de euros ao ano.
Esta problemática levou a un equipo de científicos a analizar no laboratorio do Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), o impacto das máscaras cirúrxicas nas especies mariñas como fonte de contaminantes. En concreto, analizaron os impactos da descomposición deste tipo de máscaras en larvas de peixe cebra. E o que atoparon foi que tanto a fertilidade como a capacidade de reprodución desta especie se ven alteradas polos compostos liberados polas máscaras cirúrxicas no medio acuático.
Como lembran os autores desta investigación, “as máscaras faciais cirúrxicas son o equipo persoal máis popular e eficaz para protexer a saúde durante a pandemia de covid-19; están compostas de fibras de polímero plástico cunha gran cantidade de compostos inorgánicos e orgánicos que poden ser liberados en ambientes acuáticos mediante procesos de degradación; esta fonte de microplásticos e substancias inorgánicas e orgánicas pode afectar aos organismos acuáticos”.
No caso deste estudo, partiuse da hipótese de que a liberación deses compostos inorgánicos e orgánicos nos sistemas acuáticos pode estar relacionada coa fase de degradación das máscaras. Neste sentido, aclaran que as etapas de degradación están asociadas ao tamaño dos fragmentos da máscara, mostrando diferentes efectos toxicoxenómicos (interacción entre toxinas e xenoma). Por isto, as larvas de peixe cebra foron expostas durante dez días a tres condicións distintas.
Na investigación feita en Galicia en peixes cebra, o proceso reprodutivo foi a función máis afectada, pero tamén se viron afectados outros xenes relacionados co sistema inmunitario e procesos metabólicos
Os resultados da investigación suxiren que “os procesos biolóxicos afectados polos fragmentos de máscaras faciais poderían ocorrer non só nun individuo, senón tamén a nivel poboacional a través de deficiencias da fertilidade e da reprodución. Non obstante, estes efectos dependerán da fase de degradación das máscaras faciais cirúrxicas”, explican os autores, que engaden: “A fase de degradación das máscaras cirúrxicas inflúe nos seus efectos, xa que os fragmentos máis pequenos son máis biodispoñibles para os organismos”.
As análises revelaron “unha regulación negativa dos xenes relacionados coa reprodución, o que suxire que os produtos derivados da degradación das máscaras faciais poderían actuar como disruptores endócrinos”, detallan.
Eses xenes afectados, clarifican, “están implicados en diferentes etapas da reprodución, incluíndo a gametoxénese, o recoñecemento entre óvulo e espermatozoide e a fecundación”.
Se ben o proceso reprodutivo foi a función máis afectada, mostrando os cambios máis notables nas larvas de peixe cebra expostas aos produtos liberados no medio acuático pola degradación das máscaras cirúrxicas, tamén se viron afectados outros xenes relacionados co sistema inmunitario e os procesos metabólicos.
Así, “varios xenes relacionados co sistema inmunitario se viron afectados”, pola exposición das larvas de peixe cebra aos fragmentos e fibras de máscaras faciais (compostos principalmente por polímeros plásticos) liberados pola súa degradación.
A investigación está asinada por Marta Sendra Patricia Pereiro, Beatriz Novoa e Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo) e María Pilar Yeste, do Departamento de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica e Química Inorgánica da Universidad de Cádiz, e os seus resultados veñen de ser publicados na revista científica internacional Journal of Hazardous Materials.
ADVERTENCIA DA ONU
A pandemia do coronavirus provocou un importante aumento da produción de máscaras refugables (non reutilizables) como as cirúrxicas. As cifras proporcionadas pola Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento sinalan que as vendas mundiais de máscaras ascenderon a uns 146.000 millóns de euros en 2020, fronte a uns 700 millóns en 2019.
Ao redor do 75% das máscaras usadas, así como outros residuos relacionados coa pandemia, acabarán en vertedoiros ou nos mares, segundo a ONU
“Para moitas persoas, unha das máis recentes chamadas de atención sobre este problema produciuse cando apareceron nos medios de comunicación vídeos e fotos de mergulladores recollendo máscaras e luvas ensuciando as augas da Riviera francesa. Este acontecemento supón un recordatorio de que os políticos, os líderes e os individuos necesitan abordar o problema da contaminación por plásticos refugados”, advertiron desde a ONU.
Os cálculos da ONU, polos datos históricos, indican que ao redor do 75% das máscaras usadas, así como outros residuos relacionados coa pandemia, acabarán en vertedoiros ou nos mares.
Pola parte económica, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente calcula que o custo, en ámbitos como o turismo e a pesca, será duns 35.000 millóns de euros.
O Programa advirte que, de non xestionarse adecuadamente o gran aumento dos residuos médicos, moitos deles fabricados con plásticos dun só uso, podería producirse unha vertedura incontrolada.
Entre as posibles consecuencias atópanse os riscos para a saúde pública derivados das máscaras usadas infectadas, e a queima ao aire libre ou a incineración incontrolada das máscaras, o que provocaría a liberación de toxinas no medio ambiente e a transmisión secundaria de enfermidades aos seres humanos.
Ante o temor destes posibles efectos secundarios na saúde e o medio ambiente, o Programa insta os Gobernos a considerar a xestión dos residuos, entre eles os médicos e os nocivos, como un servizo público esencial. O organismo argumenta que a manipulación segura e a eliminación final destes residuos é un elemento vital para unha resposta de emerxencia eficaz.
"A contaminación producida polos plásticos xa era unha das maiores ameazas para o noso planeta antes do brote de coronavirus. O repentino auxe do uso cotián de certos produtos que serven para manter a salvo as persoas e deteñen a enfermidade está a empeorar moito as cousas", segundo a Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento.
Se non se toman as medidas adecuadas, calcúlase que a cantidade de verteduras plásticas nos océanos triplicarase no ano 2040, pasando de 11 a 29 millóns de toneladas ao ano
Con todo, como sinala o organismo da ONU, esta situación pode modificarse, como demostrou un amplo informe sobre residuos plásticos publicado por The Pew Charitable Trusts e o laboratorio de ideas Systemiq.
O estudo, avalado pola axencia ambiental da ONU, prognosticou que, se non se toman as medidas adecuadas, a cantidade de verteduras plásticas nos océanos triplicarase en 2040, pasando de 11 a 29 millóns de toneladas ao ano. Con todo, no mellor dos casos, seguiríanse vertendo cinco millóns de toneladas de plásticos nos océanos cada ano.
Segundo a ONU, preto do 80% da contaminación producida por plásticos podería eliminarse nese mesmo período simplemente substituíndo unha regulación inapropiada: cambiar o modelo de negocio e introducir incentivos que conduzan á redución da produción de plásticos.
Outras medidas recomendadas son deseñar produtos e envases que poidan reciclarse máis facilmente, e aumentar a recollida de residuos, especialmente nos países de menor renda.
RECICLAXE DE MÁSCARAS
No caso concreto das máscaras anticovid, como xa explicou o científico galego Antonio Figueras, un dos asinantes do novo traballo sobre o impacto dos contaminantes das máscaras no peixe cebra, “se a metade da poboación de España usa unha nova máscara cirúrxica todos os días, utilizaríanse ao redor de 705 millóns de máscaras por mes. Se tan só o 1 % delas non se eliminan adecuadamente durante un ano, xeraríanse aproximadamente uns 84,6 millóns de máscaras contaminadas, moitas das cales terminarán no mar”.
O problema radica en que ao ser produtos dun só uso, hai que activar plans para xestionar unha cantidade inxente de máscaras que, moitas veces, acaban no lixo ou tiradas en calquera espazo urbano ou natural. Como lembra Figueras, estas máscaras “están feitas de múltiples capas de diferentes materiais ou polímeros” e “esta complexidade fai que sexa difícil reciclalas”.
Para reducir o consumo de produtos dun só uso, foméntase o uso de máscaras hixiénicas reutilizables
Xa en 2020, observando o crecente problema, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o de Consumo iniciaron a campaña “Recordos inesquecibles. A máscara é para ti, non para a natureza” co obxectivo de promover o uso de máscaras protectoras e sensibilizar aos cidadáns sobre os efectos do abandono de residuos hixiénico-saniarios en espazos naturais.
Con carácter xeral, os residuos asociados á protección fronte á covid-19 e, especialmente, as máscara luvas e outros equipos de protección persoal, deben depositarse na fracción resto domiciliaria –o colectoir gris de residuos non separables– e en ningún caso poden ser abandonados na vía pública ou nunha contorna natural.
Doutra banda, e para reducir o consumo de produtos dun só uso, foméntase o uso de máscaras hixiénicas reutilizables e recoméndase a utilización de luvas dun só uso unicamente en circunstancias concretas, sendo en xeral preferible non empregalas e ser rigorosos coas medidas de hixiene, como lavarse frecuentemente as mans e evitar tocarse a cara.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.