O curso escolar reinicia en Galicia con 11 aulas pechadas e uns 800 casos máis de covid-19 en tres días

Hai un total de 13.891 casos positivos vinculados a centros educativos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/01/2022 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

O reinicio do curso escolar en Galicia supuxo, nos tres primeiros días, o peche de 11 aulas e uns 800 casos activos máis entre a comunidade que acode diariamente (persoal docente, outros traballadores e alumnado).

Unha nai acompaña o seu fillo ás portas dun colexio
Unha nai acompaña o seu fillo ás portas dun colexio | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

Actualmente, hai un total de 13.891 casos positivos vinculados a centros educativos, fronte aos ao redor de 13.000 dos que se informaron o luns co arranque do curso escolar tras as vacacións de Nadal.

Nas escolas infantís pecháronse 18 aulas nos últimos sete días (hai que ter en conta que estes centros non pechan durante todo o período do Nadal) e rexistran 170 casos positivos vinculados a eles.

De entre as aulas pechadas, destaca o caso do centro plurilingüe Santa María del Mar da Coruña, no que se contabilizan un total de 55 positivos e dúas aulas pechadas. Ademais, hai outra aula pechada en Carballo, no CEIP Fogar, que ten 29 casos vinculados; e outra máis no CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago, que ten vinculados 64 casos. En todos estes casos, non está desagragado o número de positivos previos ao reinicio escolar con respecto ás primeiras xornadas.

Por áreas sanitarias, a de Vigo é a que rexistra maior número de casos activos, con 3.247 casos activos, e ten catro aulas pechadas. Séguenlle A Coruña, con 2.717 e cinco aulas pechadas; Santiago, con 2.393 casos activos e dúas aulas; Ourense, con 1.667 casos; Pontevedra, con 1.666; Lugo, con 1.335 positivos; e Ferrol, con 866.

Aínda que sen afectación a aulas, o centro de Galicia que rexistra actualmente máis casos é o Politécnico de Lugo, con 90 positivos. Con polo menos medio cento de casos positivos, sitúanse: o CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago de Vigo (64); o CPR Plurilingüe Santa María del Mar (55); o CPR Plurilingüe La Salle de Santiago (55); e o CPR Plurilingüe Liceo A Paz da Coruña (50).

Sobre as baixas do persoal docente, Educación non dispón de datos actualizados, pero asegurou que "se seguen cubrindo de maneira exprés". O luns había rexistradas unhas 800 baixas laborais e cubríronse na mañá dese día unhas 700.

Pola súa banda, a área de Vigo é a que rexistra o maior número de casos activos vinculados a escolas infantís, con 45 e oito aulas pechadas. Mentres, na Coruña hai 41 positivos e seis aulas tamén afectadas. Séguenlle a área de Santiago-Barbanza, con 24 casos; Pontevedra, con 21; Lugo, con 18; Ourense, con 13; e Ferrol, con 8.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta