Un novo plan estratéxico definirá a folla de ruta do sector da conserva ata 2030

Feijóo pide "concretar os seus plans" ao Goberno central ante "a pretensión de que ningunha concesión no litoral dure máis de 75 anos".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/01/2022 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mércores que o seu Executivo traballa nun novo Plan estratéxico da conserva para definir a folla de ruta do sector ata 2030, en ámbitos como a produción e comercialización, a innovación, o emprego, o medio ambiente e a normativa que afecta a esta industria.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e directivos do grupo Calvo na planta desta empresa en Carballo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e directivos do grupo Calvo na planta desta empresa en Carballo | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

Durante unha visita ás instalacións do grupo Calvo, en Carballo, Feijóo garantiu o compromiso da Administración galega coa cadea mar-industria, reflectido tamén nunha nova convocatoria de axudas para que pemes do sector melloren os procesos de transformación e ás que se destinan 19 millóns de euros de orzamento.

"Seguimos traballando de forma constante con Anfaco-Cecopesca", engadiu, antes de lembrar que a industria conserveira galega está "plenamente internacionalizada" tanto en vendas como en produción.

Tamén incidiu na necesidade de aproveitar as novas oportunidades xurdidas do cambio de hábitos pola pandemia e adaptarse ás novas demandas do consumidor.

Por último, referiuse ás "pretensións" do Goberno central de que ningunha concesión no litoral dure máis de 75 anos desde a autorización inicial, e pediu novamente ao Goberno central que "concrete cales son os seus plans e que, ante calquera modificación, escoite á cadea mar-industria afectada".

"Tentouse implantar esta limitación coa Lei de cambio climático pero logrouse evitar en boa medida durante o seu paso polas Cortes Xerais e, agora, parece ser que se volve a tentar no regulamento da Lei de costas", criticou, incidindo na necesidade de que "impere o sentido común".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta