Poesía para non esquecer o asolagamento das aldeas galegas polas grandes hidroeléctricas

Suso Díaz publica un poemario para render tributo ás xentes do val do Limia afectadas pola construción dun encoro que fixo desaparecer varios pobos hai xusto 30 anos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O pasado día 8 de xaneiro fixéronse trinta anos do alagamento de varios pobos no val do Limia, en Ourense, para contruír o chamado encoro de Lindoso por parte dunha eléctrica portuguesa. As aldeas de Aceredo, Buscalque e O Vao no concello de Lobios e a Reloeira en Entrimo foron comidas pola auga naquel 1992 que quedou na memoria colectiva das xentes do lugar. Agora, tres décadas despois, o escritor Suso Díaz publica o seu poemario 'Asulagadas' para render tributo a toda a poboación do val da Limia que resultou afectada polo alagamento.

Portada do poemario 'Asulagadas', de Suso Díaz
Portada do poemario 'Asulagadas', de Suso Díaz | Fonte: remitida

Editado por Positivas Edicións, este libro recolle un total de 101 poemas e case 3.000 versos saídos do máis fondo da experiencia persoal do propio escritor, veciño do lugar. "O libro, en certa maneira, levábao eu dentro, mais por unhas razóns ou por outras ía demorando a súa escrita, ata que no outono do ano 2018, unha vez máis, o encoro volveu deixar ao descuberto boa parte das aldeas, principalmente de Aceredo", explica Suso Díaz. Ese rexurdir dos lugares nos que outrora houbera vida espertou no seu fillo Pedro o interese por coñecer a que fora a súa aldea. Aí naceron dous dos primeiros poemas: 'Aceredo' e 'Resistir ollando a memoria'. Os demais viñeron rodados, confesa o autor.

"Este libro leva o neno que fun, a miña infancia en Ludeiros e no val do Limia, principalmente percorrendo Aceredo e O Vao, algo menos Buscalque e a Reloeira; e logo o reencontro na adolescencia, antes do asulagamento, un tempo moi fermoso onde vivimos o val con toda a xente e principalmente coa mocidade". Desa memoria abrollan todos estes poemas a modo de homenaxe á xente do val e para manter vivo, di Díaz, "ese universo que nós perdemos para sempre".

 

'Asulagadas' está escrito no galego falado no val do Limia, e para iso Díaz axudouse da memoria e coñecementos dos seus pais. "Era unha idea que me ocupaba, e cando lle entreguei o libro no galego normativo ao editor, Paco Macías, animoume a achegalo á nosa variante lingüística". Dende o primeiro de decembro, Suso Díaz vén publicando nas redes sociais un poema ou un anaco de poema diario, acompañado dunha forografía, para abrir boca ante o que agora lectores e lectoras poden atopar neste libro. 

Restos dunha casa na aldea sumerxida de Aceredo, en Lobios, polo encoro de Lindoso
Restos dunha casa na aldea sumerxida de Aceredo, en Lobios, polo encoro de Lindoso | Fonte: Olívia Sousa

 

Con limiar de Manuel Lamela Bautista, que  desde Padrendo viviu en primeira persoa os anos de loita da veciñanza polo seu val e o asulagamento, Suso Díaz achega este cento de poemas para "recordar, chorar e sentir dalgún xeito a nosa presenza nesas aldeas". Para non esquecer. Para que a memoria quede canda a xente, pois "este poemario xa deixa de ser meu para ser de quen o faga seu", fala Díaz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta