Análise: son os Fondos Next Generation outra oportunidade perdida para a economía galega?

A xestión dos fondos europeos creados a partir da crise COVID puxo en estado de alerta a todas as administracións. Cada unha cos seus argumentos quere defender o reparto dos fondos dentro do seu terreo competencial. Desde a posición sindical, uns temen a perda destes fondos en políticas sen relación ao emprego e desenvolvemento. Outros consideran que é cedo para facer avaliacións.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A UE espera que despois da parte máis dura da COVID, a Unión “sexa máis ecolócixa, máis dixital, máis resiliente e mellor adaptada para desafíos actuais e do futuro”. Para iso destina unha contía de diñeiro que define como “un instrumento temporal de recuperación dotado con máis de 800 000 millóns de euros que contribuirá a reparar os danos económicos e sociais inmediatos causados pola pandemia de coronavirus”. A cuestión para algúns é quen e como xestionará estes fondos tendo en conta a situación económica en Galicia, co desmantelamento de tecido industrial ou paralización de sectores do mesmo. O temor a outra oportunidade perdida existe.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante unha sesión de control ao Goberno no Senado, a 16 de novembro de 2021, en Madrid (España). Os grupos parlamentarios cu. Jesús Hellín - Europa Press
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante unha sesión de control ao Goberno no Senado, a 16 de novembro de 2021, en Madrid (España). Os grupos parlamentarios cu. Jesús Hellín - Europa Press

OPORTUNIDADE PERDIDA?

O Goberno Central preparou o documento Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia onde describía os puntos que definían os Fondos Next Generation: promover a cohesión económica, social e territorial da UE; fortalecer a resiliencia e a capacidade de axuste dos Estados membros; mitigar as repercusións sociais e económicas da crise da COVID-19; e apoiar as transicións ecolóxica e dixital.

Os Fondos Next Generation para nós nacen como elemento nocivo debido ao alto prezo a pagar para acceder a eles como son a reforma laboral e das pensións” sinala Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sindicato que ve un retroceso nos dereitos laborais e sociais as condicións de acceso aos Fondos. Carril considera que un dos puntos más criticables é “relegar o público a un segundo lugar e quen é o executor (do diñeiro da UE) son empresas privadas”.

Olga Crespo, técnica do Gabinete económico de UGT-Galicia, describe a chegada de liquidez aportada pola UE como “un instrumento excepcional de recuperación para facer fronte as consecuencias económicas e sociais da pandemia, por tanto deben aproveitarse para conseguir a máxima repercusión social”.

Alberto Núñez Feijóo nun acto da Xunta sobre fondos europeos Next Generation
Alberto Núñez Feijóo nun acto da Xunta sobre fondos europeos Next Generation | Fonte: Xunta de Galicia.

Desde UGT consideran que os Fondos dentro da iniciativa privada teñen “o obxectivo e transformar  sectores relevantes como o enerxético, o agroalimentario, a automoción a biotecnoloxía  e o aeronáutico”. Por outra parte, e sobre o sector público, sinala que as actuacións maioritarias “están centradas no sector sanitario, cadeas de mar-industria, agro-industria, transición enerxética e hubs de innovación e industria 4.0”.

Ricardo Castro, secretario xeral da CUT, sinala que a intencionalidade detrás dos Next Generation é “encher de diñeiro empresas e corporacións como se fixo coa banca durante a crise de 2008”. A consecuencia máis directa para Castro é a “retroalimentación do sistema que ao final pagará a clase traballadora”. En canto ao destino de diñeiro para sectores de peso en Galicia como é o naval ou empresas como Alcoa, o dirixente da CUT está convencido que “para o naval non irá nada” mentres que en casos como o da planta de aluminio “non creo, mais xa teñen recibido todo o diñeiro público posible durante estes últimos anos”:

REPARTO

O documento elaborado polo Goberno central sinala que as autonomías “participarán activamente na xestión dos fondos do MRR por diversas vías”. Desta maneira, os Orzamentos Xerais do Estado de cada ano “reflectirán as dotacións financeiras do  MRR nas que se detallarán os programas, convocatorias, programas marco e convenios” dependendo dos diferentes sectores. As autonomías ademais asinarán convenios “cos ministerios implicados para a xestión e execución dos fondos do  MRR, que deberán atender aos fitos e obxectivos establecidos no Plan de Recuperación”. Mais,  pode asegurarse un reparto xusto e que ademais acabe indo aos sectores implicados?

Paulo Carril enumera unha serie de puntos polos que observaría certa discrecionalidade discriminatoria no tocante ao reparto. Entre eles están “relegar o público a un segundo lugar e quen é o executor son empresas privadas”. As conclusións da intervención de empresas privadas na xestión dos Next Generation son que os fondos públicos serán xestionados por Xunta e Goberno central “para salvar o balance de resultados das grandes empresas” no canto de poñelos “en mans de sectores sociais”.

Ao dito anteriormente engade que entregar os fondos a unha administración como a galega “paradigma de entrega de fondos a empresas e intereses privados, fai máis perigoso o uso final”.  Á parte está a falta de transparencia sobre como se están barallando este fluxo de liquidez. Unha operación que Carril enmarca na creación da LEI 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, ou “lei de depredación 2”.

“A UE di onde se fabrica que onde se vende tal cousa, nese sentido aquí quedou o turismo e a hostalaría” apunta Ricardo Castro. Así pois, para o dirixente da CUT, a chegada do diñeiro europeo “poñemos todos” ten un prezo. “O prezo foi a sinatura do acordo sobre a anterior reforma laboral de 2012 que levará a consolidar a precariedade”. Estamos, pois, diante dunha nova oportunidade perdida? “Creo que a oportunidade nunca existiu”.

UGT Galicia, pola súa parte, conclúe que a Estratexia para a transformación de Galicia dos Fondos Next Generation, constitúe  “un elevado aporte adicional de fondos e consideramos que deben ser tomados como unha gran oportunidade para lograr crear emprego de calidade”. Nese sentido, a súa postura é de que “os fondos sexan utilizados ca máxima eficiencia e non desperdiciar esta oportunidade”.

Unha parte das forzas que representan a traballadores e traballadoras consideran que os fondos Next Generation só consolidarán o actual sistema de emprego en precario. Os sectores produtivos sufrirán un golpe duro coa eliminación de boa parte do seu tecido económico. O investimento en “enerxías limpas” e “dixitalización” irán en detrimento da creación de novas oportunidades laborais noutros sectores. Por outra parte, outras forzas sindicais ven en positivo a aplicación e chegada destes fondos, sobre todo pensando na xestión para a modernización de sectores e avances en campos como as tecnoloxías e a aposta pola xestión público-privada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Que novidade! Frijol e o PP esta no governo da Junto parar segurar a Galiza no atraso e assi seguir mandando a gente nova para a emigraçom, se querem resolver a vida. O problema nom é este cipaio, o problema é esse sector de galeg@s que eleiçom tras eleiçom entregan ao seu voto aos seus carrascos, aos partidos sediados em Madrid; para deste jeito nos seguir mantendo como umha colónia da Vila e Cortelho.