O IPC dispárase en 2021 en Galicia ata o 6,7%, dúas décimas por encima da media de España

A vivenda crece un 27,1% e o transporte un 10,8%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2022 | Actualizada ás 10:03

Comparte esta noticia

O índice de prezos de consumo (IPC) incrementou oito décimas a súa taxa anual en Galicia a peche de 2021, ata o 6,7%, co que se sitúa dúas décimas por encima da media estatal, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.

Tal como indicou o INE, a taxa anual do IPC aumentou en decembro respecto de novembro en todas as comunidades, situándose Galicia entre as que rexistran un menor incremento, do mesmo xeito que Illas Baleares e Cataluña. Por grupos, o que contabiliza maior inflación (en taxa anual) en Galicia volve ser a vivenda (+27,1%), seguido do transporte (+10,8%), alimentos e bebidas non alcohólicas (+4,8%) e hoteis, cafés e restaurantes (+2,7%). Só comunicacións rexistrou un descenso en 2021 (-0,3%).

Pola súa banda, en variación intermensual, os prezos mantivéronse con menores variacións, a pesar de que a vivenda subiu un 6,9% en Galicia entre novembro e decembro e o vestido e o calzado baixou un 2,5%.

DATOS ESTATAIS

A nivel nacional, o IPC subiu un 1,2% en decembro en relación ao mes anterior e elevou a súa taxa interanual ata o 6,5%, un punto por encima da taxa de novembro e o seu nivel máis alto en 29 anos, debido o encarecemento da luz, dos alimentos e dos hoteis e restaurantes, segundo os datos definitivos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

A taxa interanual do IPC rexistrada en decembro (6,5%) é dúas décimas inferior á avanzada a finais do mes pasado polo INE (6,7%). No caso da taxa mensual (1,2%), o dato definitivo é unha décima menor ao que adiantou Estatística (1,3%).

Un home traballa nunha carnicería o día no que o INE publicou o Índice de Prezos de Consumo (IPC)
Un home traballa nunha carnicería o día no que o INE publicou o Índice de Prezos de Consumo (IPC) | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta