O metal maniféstase na Coruña por un convenio laboral "digno"

CIG-Industria, que convoca a manifestación, anuncia concentracións o domingo 30 de xaneiro contra a nova reforma laboral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2022 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

Un milleiro de persoas manifestouse este sábado na Coruña en apoio ao colectivo de traballadores do metal da provincia, que esixiron un convenio "digno", "secuestrado" pola patronal, á que acusaron de querer "dilatar a negociación para minguar os dereitos dos traballadores e o seu poder adquisitivo".

A manifestación, convocada pola CIG-Industria, saíu da Praza de Vigo e percorreu algunhas das principais rúas da cidade herculina, como Linares Rivas, ata finalizar fronte á sede da Confederación de Empresarios. Durante o percorrido, manifestantes fixeron soar bucinas e tiraron numerosos petardos, chamando a atención doutras persoas que lles mostraron o seu apoio.

A principal reivindicación do sector, tal e como explicaron algúns dos membros da mesa de negociación do convenio, é a aprobación, dunha vez por todas, dun convenio "digno"; algo que afirman, leva atrasado desde 2019, cando se produciu a primeira reunión.

Móstranse convencidos de que "a única intención" da patronal con este atraso é "minguar os dereitos e o poder adquisitivo", dado que o persoal propuxo un incremento salarial do 1% en 2020, que a patronal non aceptou. "En cambio, en agosto de 2021 si propuxeron unha subida do 0,5% a cambio de aprazar as negociacións. E non estamos dispostos", aseguraron.

Os traballadores acusaron á patronal e tamén ao sindicato UGT de tentar silenciar as mobilizacións e pediron ademais á agrupación sindical que "se una ás mobilizacións", así como á creación dunha "plataforma conxunta" para continuar manifestándose. "Mediante unha interpretación malintencionada e trapalleira do convenio, quixeron frear as mobilizacións tan só uns días antes. A patronal e UGT pretenderon bloquearnos de pés e mans", aseveraron.

Sinalan ademais que a patronal utilizou "como escusa" a aprobación da reforma laboral para atrasar as negociacións, "por se se producían cambios". "Resultou ser unha contrarreforma que non supuxo ningún avance para os traballadores, seguiron as reunións e quedou clara a súa intención. Cada día morremos un pouco máis e somos máis pobres que o anterior", lamentaron.

Para "reducir a precariedade", solicitaron a reactivación dos pluses de toxicidade, penosidade e perigo, así como reducir a xornada máxima anual, igualar os permisos retribuídos por consanguinidade e afinidade, a creación dun complemento salarial para os traballadores que se despracen ao estranxeiro e "pór freo ás mutuas".

Piden ademais que o convenio colectivo recolla limitacións á contratación a través de ETT e restricións para a subcontratación, "xa que estas dúas vías son utilizadas polas empresas para precarizar as condicións laborais e salariais e incrementar os beneficios a conta de explotar os traballadores".

MANIFESTACIÓNS CONTRA A REFORMA LABORAL

A CIG anunciou este sábado que convocará mobilizacións en todas as comarcas galegas para o domingo 30 de xaneiro "polo rexeitamento á fraude que supón o RD/Lei 32/2021 e para esixir a derrogación íntegra e real das reformas laborais impostas desde o ano 2010".

Varias persoas participan nunha mobilización convocada por CIG-Industria, de traballadores do metal, desde a Praza de Vigo ata a sede da Confederación de Empresarios na Praza Luís Seoane. M. Dylan - Europa Press
Varias persoas participan nunha mobilización convocada por CIG-Industria, de traballadores do metal, desde a Praza de Vigo ata a sede da Confederación de Empresarios na Praza Luís Seoane. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta