O último gran martirio dos republicanos galegos en Vigo

Hai 77 anos nove republicanos suicidaronse no Bou Eva rodeados por fascistas. Esta é a a historia do que pasou en Vigo aquel 23 de abril de 1937.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 23/04/2014 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Este 23 de abril cúmprese un novo aniversario da heroica xesta de resistencia colectiva dos tripulantes do Bou Eva. Co alzamento nazi-fascista do 18 de xullo do 1936, comeza en Galiza unha terríbel etapa de xenocidio e terrorismo de Estado. Miles de persoas foron asasinadas, encarceradas ou tiveron que marchar ao exilio. Segundo algúns historiadores a cifra de asasinados chegou ás 20.000 persoas. Galiza estaba baixo o dominio de “Atila” e a barbarie estaba bendicida pola “Santa Igrexa Católica”. No noso país e no resto do Estado habilitáronse numerosos campos de concentración, onde se amoreaban miles de presos, condenados sen posibilidade ningunha de defensa: Camposancos, Ribadeo, Cedeira (fábrica de salgaduras), Betanzos, Muros, Rianxo, Cuartel de Figueirido, Mosteiro de Oia, Illa de San Simón... En Vigo, separadamente do cárcere dos xulgados na Rúa do Príncipe, estaba o Frontón, na rúa Maria Berdiales, que foi habilitado especialmente, debido á necesidade de situar aos centenares de simpatizantes da IIª República.

Carmen Miguel Agra e Ángel Nogueira, matrimonio comunista que se suicidou no Bou Eva
Carmen Miguel Agra e Ángel Nogueira, matrimonio comunista que se suicidou no Bou Eva

O domingo 19 de xullo as novas de dous xornais salientaban a gravidade dos acontecementos. Os partidos obreiros e os sindicatos convocaban un paro xeral para o día seguinte. Entrementres o día 20 ou Capitán Antonio Carreró, con 40 ou 50 homes armados, percorría varias rúas da cidade de Vigo co fin de chegar á Porta do Sol, para ler o bando militar que declara o Estado de Guerra. Cando chegaron os soldados o xentío que seguía o traxecto dos militares, berrou consignas e vivas a favor da República. Algún que outro soldado respondeu aos devanditos “vivas”. Nese intre o Capitán Carreró -con aire provocativo- leu o bando onde deixaba claro que o comandante da Praza militar, Felipe Sánchez, tomaba partido polos sublevados. A indignación foi xigantesca entre os asistentes á concentración. Comezou o balbordo, os berros e os forcexos. Un dos traballadores intentou arrebatarlle o bando ao Capitán Carreró. Produciuse unha situación de gran tensión e o militar ordenou que se abrise fogo contra a multitude indefensa. Así comezou a matanza da Porta do Sol. A xente sen armas intentaba refuxiarse nos edificios próximos ou nas rúas adxacentes. Varios dos presentes naquela manifestación eran integrantes do Partido Comunista. Ángel Nogueira que foi con outros camaradas ata a Porta do Sol, ao decatarse de que os soldados «tiraban a matar» contra os manifestantes, comezou a berrarlles aos integrantes do piquete militar: “Soldados, Non tiredes somos os vosos irmáns!” Os berros desesperados de Ángel non puideron cambiar as pulsións asasinas do sanguiñento Capitán, que empuñando a súa pistola tiraba deliberadamente contra os desarmados veciños. Unha daquelas balas impactou fatalmente no corpo de Ángel Nogueira, quen caeu ao chan con importantes feridas, porén os seus compañeiros lograron auxilialo arrastrándoo até unha das rúas laterais e desde alí a unha vivenda, para facerlle as primeiras curas.

Flora de Dios Rodríguez e Agustín Leira, meus avós, tamén estaban na Porta do Sol, enfrontándose ao pelotón de soldados, que tomaban militarmente Vigo. Aínda lembro a voz emocionada da miña avoa Flora, cando contaba como ela e outras mulleres berraban a aqueles soldados, que facían fogo contra a multitude e como con outras compañeiras abrían a súas camisas, mostrando os peitos nus mentres berraban: “Tirade covardes.... tirade! Tirade contra o noso peito”. Alí naquela heroica resistencia perdían a vida traballadores, anciáns e mozos, entre eles Lenin Moreda Vázquez, que con só 15 anos caeu asasinado polas balas do Capitán Carreró.

Unha das testemuñas daquela traxedia conta o sucedido: “Eu, corrín con todos os meus folgos, como todos os demais, namentres ollaba como caían asasinados, por detrás das miñas costas, os que corrían ao meu carón. Ía xa lonxe, á altura do café Moderno e do Club Náutico, cando aínda nos perseguían unha morea de soldados e as súas orballadas de balas. Na porta do Café Moderno vin caer xunto a min a algúns curiosos que se asomaban para ver o que sucedía. Na Porta do Sol e nas rúas adxacentes quedaron tendidas máis de cen persoas. Un dos que eu mesmo vin caer mortalmente ferido foi a Diego Lence, un mozo republicano, ao que lle atravesaron o peito dun baionetazo. Tamén vin caer feridos a un capataz do peirao chamado Taboada e a un raparigo de dezasete anos apelidado Domínguez. Estes dous libráronse aquel día da morte para caer vilmente asasinados máis tarde... Ao terminar o balbordo das últimas balas, a Porta do Sol quedou deserta con decenas de corpos ensanguentados no chan.

A represión fascista en Vigo

Os traballadores fóronse repregando para os barrios obreiros. A maioría eran de Teis ou Lavadores. Varios centenares marcharon por Urzaiz cara ao Calvario. No camiño ían erguendo barricadas con lastros e lousas da rúa. Ao chegar aos Choróns decidiron erguer a primeira barricada. Alí sumáronse outros veciños e comezou a resistencia. Namentres Ángel Nogueira era curado das súas feridas, a súa muller Carmen Miguel Agra, decatada do sucedido, acudía ao seu encontro. Daquela ninguén sabía aínda exactamente cal era a gravidade do que estaba acontecendo. O que estaba claro era que Vigo quedara nas mans dos militares golpistas.

Por recomendación dos seus compañeiros do partido, o matrimonio decide refuxiarse na casa duns familiares, por uns días. Tratarían de continuar agochados para poder seguir facendo as curas e controlar como se desenvolvían os acontecementos. Os días seguintes a situación estaba máis clara, desatouse unha feroz persecución e cacería, contra todos os militantes e simpatizantes da Fronte Popular.

Ángel Nogueira e Carmen Miguel Agra era unha parella moi coñecida en Vigo. Nogueira era un destacado militante da dirección do Partido Comunista de Vigo e a súa compañeira Carmen, desenvolvía un intenso labor entre as mulleres, especialmente na Directiva da Organización das Mulleres contra a Guerra e o Fascismo, que en Vigo estaba integrada por Urania Mella, Purita Garrido, filla do Alcalde de Vigo e afiliada ás Mocidades Socialistas Unificadas entre outras. Tamén Carmen era integrante do Socorro Vermello.

En outubro de 1934 cando estoupa a revolución obreira en Asturias, Ángel Nogueira é detido xunto con outros comunistas e republicanos.

A familia Nogueira pertencía ás clases medias da cidade. Ángel era encargado na famosa conserveira Gándara e Haz que estaban en Guixar. Por aqueles anos a devandita empresa daba traballo a centenares de mulleres, a maioría delas da zona de Teis. A miña avoa Flora tamén traballaba naquela empresa. Mentres que o meu avó Agustín, era o responsábel do sindicato da conserva, que por aqueles tempos estaba dirixido polos comunistas.

Nogueira tiña por aquel entón 30 anos. Tiña unha boa formación cultural e política. Era fraco, de pel moi branca, sempre ben vestido, gustáballe o deporte, especialmente o fútbol. O Celta era a súa paixón, cando xogaba en Vigo, non había partido ao que non acudise. En moitas ocasións levaba ás súas fillas pequenas, algunha de poucos meses. Carmen tiña que dedicarse a coidar ás súas dúas filliñas, que eran moi pequenas. Asemade procuraba o tempo necesario para participar nas actividades que organizaba o partido entre as mulleres traballadoras. Ela contaba con 24 anos e segundo as crónicas da época era unha das mozas máis xeitosas de Vigo. Tanto Ángel como Carmen eran dúas persoas cheas de vida, eran felices. Ambos os dous eran moi elegantes no seu vestir. Ningún dos dous pasaba indiferentes na cidade e máis se eran destacados militantes comunistas. Na casa onde estaban refuxiados comezaron a chegar terríbeis noticias de detencións e fusilamentos. Todas as mañás aparecían persoas depositadas nas cunetas. Ante esta situación deciden cambiar de refuxio para non chamar a atención e deixar ás dúas filliñas na casa dos pais de Carmen. É así como son acolleitos nunha vivenda do barrio do Berbés, na rúa Real. Ao pasar varios meses e a situación -lonxe de resolverse- ía empeorando deciden concertar con algúns “enlaces do Partido”, un plan de fuga, co fin de fuxir daquel inferno e pasar ao territorio gobernado pola República. Poucas eran as posibilidades que tiñan. A saída por Portugal era moi perigosa. A maioría dos que o intentaban quedaban detidos e eran devoltos de contado ao réxime franquista. Esperáballes a morte. A única vía posíbel era escapar nalgún barco amarrado no porto do Berbés. Na mesma situación de Ángel e Carmen estaban varios centenares de militantes da esquerda viguesa. Algúns refuxiáronse nas montañas próximas de Vigo. Pero o frío e a fame provocaron que moitos tivesen que baixar á cidade, para refuxiarse nas casas de familiares e amigos.

O meu avó Agustín Leira, estivo tres anos escondido no barrio do Viso en Vigo, nun faiado onde había un pombal. Mentres que a miña avoa Flora, non conseguiu esconderse e axiña foi detida na súa casa do Toural, no barrio de Teis. Denunciada por unha veciña atopáronlle unhas bombas caseiras, que estaban destinadas aos alzados no monte e encontráronlle tamén unha bandeira vermella. Encarcerada en Vigo, xunto a Urania Mella, foron condenadas e enviadas ao cárcere de mulleres de Saturrarán no País Vasco.

Os fascistas buscan republicanos

O encerro do matrimonio Nogueira foi moi dramático. Calquera acusación podía acabar con eles, e os donos da casa podían sufrir graves consecuencias. Doutra banda alimentar a dúas persoas naqueles tempos non era cousa nada fácil, máis aínda cando escaseaban os alimentos máis elementais. A compra excesiva dos mesmos tamén podía chamar a atención dos falanxistas e da garda civil, que estaban permanentemente á espreita. Para os falanxistas atrapar a Ángel era todo un reto, non se lles podía escapar ese perigoso comunista. Regularmente tanto a garda civil como os falanxista achegábanse á casa dos pais de Carmen, onde estaban as dúas pequenas. Moitas veces de malos modos e ameazantes, insistían en que lles dixesen onde se atopaba o matrimonio. Outras veces achegábanse sutilmente ao carón das súas fillas pequenas, para sacarlle algunha información, que lles dese unha pista, que os conducisen até a casa onde se agochaban. Entrementres outros militantes da Fronte Popular, escondidos noutras casas refuxio, agardaban o momento no que terminase a guerra ou o intre preciso no que puidesen fuxir nalgún barco. O mariñeiro Manuel Martínez Moroño, era outro dos que esperaban en Vigo, o momento de fuxir e pasar ao bando leal [á República]. Noutras casas estaban á espera co mesmo propósito, os irmáns José e Fernando Rodríguez Lorenzo, os dous albaneis e socialistas de Sárdoma.

Un dos que planeaba fuxir era Luís Álvarez González, aínda que de Becerrea (Lugo) era residente en Vigo, desde había moitos anos. Luís era obreiro naval, traballaba nos estaleiros Barreras. Outro dos fuxidos era o barbeiro Camilo Campos Méndez, veciño de Celanova. Camilo era moi coñecido en Vigo, vivía en Taboada Leal e tiña a súa perruquería na rúa do Príncipe, mesmo antes de chegar á Porta do Sol. Como bo barbeiro era moi conversador e todos en Vigo o coñecían polas súas ideas comunistas.

Tamén desde outros lugares de Galicia trasladáronse a Vigo para escapar da represión e esperar o momento oportuno para fuxir, entre eles os curmáns de Castelao, os mestres José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao. Ambos os dous trasladáronse desde Rianxo escampando dunha morte segura. Manuel era un dos pintores vangardistas máis destacados do seu momento. Os dous mestres refuxiáronse na casa do galeguista Ramiro Isla Couto.

Cando chegou a primavera e o mar estaba máis calmo, xeráronse as mellor condicións para a fuxida en barco. O plan era navegar pola costa do Cantábrico, até chegar a Francia, para logo entrar en territorio republicano e sumarse á fronte de batalla.

Entre os traballadores do mar había moitos simpatizantes da Fronte Popular que podían localizar algún barco e preparar a fuga colectiva. Para o éxito do plan necesitaban implicar a moita xente, porén existía o risco de que se «filtrara» información. Para a «operatoria» de fuga, utilizáronse a familiares ou amigos pouco comprometidos, para evitar que a policía descubrise o plan. Uns días antes, todos os implicados na fuga tiñan os detalles: o día, o lugar e o nome do barco. Así foi como o venres 23 de abril a consigna era xuntarse a partir das tres da noite nun bou, (barco de pesca de arrastre) que estaba amarrado no porto do Berbés. O pequeno barco de baixura chamábase “Eva”.

"Como morreron os nosos"

Mais o mellor é coñecer o sucedido por medio da propia prensa republicana da época, Nova Galicia dicía na súa edición número 3, baixo o titulo “Como Morreron os nosos”:

“Inda ben non dirán as tres da mañá do 23 de abril…Nun dos remates do peirao do Berbés, uns homes, envoltos en longos capotóns negros, daban os derradeiro toques a un bou, dos que alí había, para saír ao mar. Cando xa o patrón daba a orde de arriar as amarras avanzou até o peirao un automóbil…Ao pouco tempo, chegou unha camioneta. Dos distintos vehículos comezaron a saír gardas civís e fascistas. Axiña ordenaron que todos os tripulantes do bou desembarcasen, que descendesen a terra… Catro negáronse a facelo e caeron na cuberta do barco cribados a tiros… Os fascistas arremeteron como lobos violentos; sobre a bodega e comezaron a golpealas portas que estaban atrancadas. As voces de que abrirán as portas responderon dende dentro con vivas a República. Non foi posíbel entrar na bodega. O xefe daquelas feras vomitou unhas cantas inxurias, deixou uns gardas vixiando o barco e montou no automóbil que axiña arrancou cara o centro da cidade. Media hora mais tarde regresaba ao peirao cun tanque–alxibe cheo de auga fervendo. En medio do espanto dos tripulantes, comezaron a botar auga fervendo polos respiradoiros e toda aquela auga ía dereita á bodega do devandito barco. Do interior saian berros de angustia. De contado foi inundada a bodega. De súpeto escoitouse o primeiro estalo e despois seguiron outros de xeito intermitente até completar as dez e secas detonacións…Nin un berro mais, nin unha petición de auxilio, nin unha voz de clemencia… Golpeouse de novo o zapón da bodega…Ninguén contestou. Houbo que desfacela á forza de machadas… O espectáculo era tráxico…Aboiando sobre a auga fumeante había nove homes e unha muller nova, dunha fermosura admirábel…Un berro de xúbilo escapou das gorxas fascistas… - “Agora si que os temos!”- Bramou o xefe. Pero a sorpresa detivo a acción daqueles salvaxes…Os nove homes e a muller xa nada tiñan que temer… estaban todos mortos…As bombas desaugaron a bodega. Procedeuse a recoller os cadáveres e a examinalos para coñecer a causa daquela morte colectiva. Oito dos homes e a muller tiñan na tempa esquerda un balazo. Tíñano todos no mesmo sitio, á mesma altura e coas mesmas características… o outro home tiña un balazo na sen dereita. O pé dun tallo atopouse una pistola, un cargador baldeiro e outro con duras cápsulas disparadas. Non facía falla explicación ningunha… a traxedia estaba alí latexante, vestida con todas as galas de xesta…

Aqueles dez desventurados ao verse descubertos polos fascistas decatáronse do martirio que lles agardaba, da terríbel morte que lles agardaba e a súa dignidade rebelouse, disposta ao mais cruento dos sacrificios denantes que caer perante aqueles fascistas. Debeu ser un tráxico acordo, que quedou conxurado entre torrentes de auga que lles abrasaba as carnes. Un deles erixiuse en executor da traxedia. Foi rematando coa vida dos seus compañeiros de desventura. Despois suicidouse el tamén. Non é posíbel atopar de maneira mais simple un xesto de mártires tan sublime. Sóubose o feito en toda Galicia. Os fascistas foron impotentes para ocultar o espanto das xentes.”.

Nueva Galicia. Voceiro dos Antifascista Galegos. Nº3 30 de maio de 1937.

A prensa local por indicacións do gobernador da Provincia de Pontevedra silenciou o sucedido. Serían os galegos antifascistas que estaban vivindo na zona republicana os que denunciarían o acontecido. Outra referencia a este episodio foi a que apareceu no libro “Galicia Mártir” que denunciou en todo o mundo, os crimes cometidos en Galicia. Nel saliéntase: “O plan de evasión que consistía en apoderarse por sorpresa duns dos barcos de pesca ancorados no peirao e facerse á mar, estratexia que foi madurándose pacientemente e ao final posta en práctica con decisión. Pero cando os fuxitivos ían reuníndose a bordo e esperaban só para facerse á mar a chegada dalgúns compañeiros que se atrasaron, atoparon con que escondido no interior do barco estaba aínda algún dos mariñeiros da dotación quen pediu que o deixasen saír. Ao principio negáronse pero o home invocando á súa familia e prometendo solemnemente que non os delataría conseguiu que lle deixasen saír. En canto conseguiu abandonar o bou apresurouse a delatalos e axiña mobilizouse a policía do porto, evolucionaron os bous armados e requisados que utilizaban os fascistas e o pesqueiro dos fuxitivos foi cercado mesmo antes de que tivese tempo de desatracar”.

Un daqueles compañeiros atrasados que salvou a súa vida por chegar tarde, foi Domingo Pombo López, que era Presidente do Partido Galeguista de Ferrol. Ao chegar ao peirao puido presenciar o que acontecera cos seus compañeiros de fuga. Viu os cadáveres en ringleira sobre o peirao e de forma inmediata deu marcha atrás. Pombo volveu ao seu escondite durante uns días, ata que se trasladou a Compostela, onde se escondeu nun faiado na casa dunha amiga.

Rafael Dieste que dirixía o xornal “Nova Galicia” será un dos primeiros en erguer a súa voz, contra a represión desatada contra os tripulantes do Bou Eva. Entre os inmolados estaban os seus amigos de Rianxo, Manuel Rodríguez Castelao e José Losada Castelao.

Daquela foi cando os nosos ollos, abertos á lembranza, recibiron nun lóstrego prolongado toda a presenza daquela moza, e todo nos pareceu ilusorio menos o intre de ledicia, cara à liberdade, que sentían aquela noite, mentres o mar, vindo de lonxe, acariñaba o barco. E todo o sono deles realizouse no noso corazón. Si, pasaban o mar, e a volta dun recanto dunha cidade das nosas, viña ao noso encontro cos brazos abertos…Moito tempo, aínda sen querer saber que xa sabíamos a norte, estivemos a repetir os nomes coñecidos, resucitando a mesma infancia que viviron con nós – e que tan nosa era como deles…Así estivemos, a rescatalos, dándolle paso pola nosa lembranza cara á eternidade…E vimos que pasaban, que xa non sairían ledamente ao noso encontro en calquera cidade. E filtrouse en nós, como un albor de lúa, o degoro de ir con eles, e con todo os homes e mulleres xenerosas da nosa terra que xa van alá…

Mais algo enche de luz a nosa dor, e fai xurdir no medio dela un berro de orgullo, case un aturuxo: Non se entregaron ás lixentas! Non se entregaron, viron uns nos ollos dos outros unha diafanidade absoluta e non se entregaron, viron uns nos ollos dos outros unha clareza absoluta e só se entregaron á morte en compaña do ceo da noite. Cada tiro unha estrela. E hai que admirar ao executor, ao que quedou para o remate, sen que vacilase a fe – del e dos outros – na súa absoluta firmeza.

Cando foron máis irmáns nove homes e una muller?. Esa fraternidade no momento decisivo, ese acordo perfecto, esa inmensa seriedade do voso espírito nese intre, fai para sempre lucinte e exemplar a vosa morte. Sí, compañeiros, vindes, agora mais que nunca, ao noso encontro!

Nova Galiza, Barcelona, nº 5, 15-6-1937.

Suicidio colectivo

A policía e a falanxe ante o descubrimento do intento de fuga abren unha rápida investigación co fin de saber quen colaboraron no operativo. De forma case inmediata localizan ao mariñeiro que conseguiu contactar co patrón do Bou Eva. Trala súa detención, horas despois apareceu morto preto da ETEA na zona de Teis.

A noticia do suicidio colectivo chegou até o fronte de batalla. Un voluntario vigués de nome A. Brisimo integrante da Brigada Mixta 43, do exército republicano, cando se atopaba na Fronte da estrada de Estremadura, escribe unha carta ao xornal “Nova Galicia” que di entre outras cousas: “A sorte corrida por dez camaradas de Vigo, entre eles o camarada Nogueira e a súa compañeira. Quen de Vigo non coñecía a estes camaradas”.

Eu, como moitos outros camaradas que tivemos a sorte de tratalo, de loitar ao seu carón nas gloriosas xornadas de outubro, que compartimos ao seu lado a dirección do Sindicato de Empregados de Oficinas, que fun como o seleccionado no movemento de outubro, que despois do movemento actuamos xuntos na clandestinidade, que a súa casa era unha máis ao servizo da causa, non poderemos esquecelo; a súa faciana delgada e branca, era unha proba das persecucións sufridas, dos seus días de cárcere, desde a cal sempre recibimos o seu alento para proseguir a nosa loita; xamais deu perante os seus compañeiros mostras de desfalecemento. En fin, un compañeiro entregado na súa totalidade á causa da Revolución, pola cal soubo morrer como morren os comunistas. Parece coma se nestes momentos aínda o ollase, despois do golpe fascista, perseguido polos lacaios de Hitler, como naquel mes de outubro; pero tamén paréceme velo actuando clandestinamente contra os mesmos, pelexando contra eles, non con armas, pero si con palabras, alentando a todos os compañeiros a proseguir a loita lonxe da Fronte da revolución, pero en beneficio da mesma. Camarada Nogueira, a túa morte non é inútil e desde as frontes nas que nos atopamos saberemos vingarche como ti mereces, e dos que quedemos desta cruel guerra á que tivemos que facer fronte saberemos levar a bandeira que as túas firmes mans empuñaron sempre, até o derradeiro recanto da nosa querida España...

Na cidade comezaron a circular todo tipo de rumores. Mesmo que foran os propios gardas de asalto os que fixeran aqueles disparos.

Decatado na zona republicana Alfonso Castelao, do asasinato dos seus curmáns e perante o terror desatado en Galicia, comezou a realizar a súa serie de debuxos, co obxectivo de realizar unha denuncia pública, así nace “Galicia Mártir”. Entre os debuxos realizados nesta serie esta “A derradeira lección do mestre” en homenaxe aos seus familiares asasinados no bou Eva.

O actual Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero sinalou sobre este histórico feito: “Un suicidio colectivo coma o do bou Eva non sucedeu en ningún outro lugar durante a Guerra Civil (...) se este país estivese normalizado, a historia do bou Eva estaría reflectida xa en películas, en libros ou no teatro”.

Actos de lembranza

 

Na primavera de 2011, un conxunto de persoas en Vigo decidiron lembran o acontecido.  Por iso en xuño dese ano comezou a andaina da Asociación Cultural Bou Eva. Este ano, esta asociación tramitará ao Concello de Vigo a petición de colocar unha placa conmemorativa deste tráxico suceso na praza do Berbés para recuperar a memoria soterrada. Ademais, o vindeiro venres ás 19 horas, tamén no Berbés, a Asociación celebrará unha homenaxe aos fuxidos no 77 Aniversario do asalto ao bou Eva. 

OS MORTOS:

Manuel Rodríguez Castelao y José Losada Castelao mestres. Ambos os dous eran primos de Castelao. 31 e 45 anos.

Manuel Martínez Moroño, de Vigo, 44 anos.

José Rodríguez Lorenzo, de Vigo, 30 anos.

Fernando Rodríguez Lorenzo, de Vigo 37 anos.

Luis Álvarez González, residente en Vigo.30 anos.

Camilo Campos Méndez, residente en Vigo, 33 anos.

Carmen Miguel Agra, de Vigo. 24 anos.

Ángel Nogueira Nogueira, de Vigo, 30 anos.

Bibliografia Consultada.

Galicia Mártir. Hernán Quijano. Ediciones Neos. Buenos Aires. 1949.

Nova Galiza, Barcelona, nº 5, 15-6-1937.

Nueva Galicia. Número 3. 30 de mayo de 1937. “Como morreron os nosos”

Nueva Galicia. Numero 7. 27 de junio de 1937. Dibujo en portada sobre el vou Eva.

Nueva Galicia. Numero 7. 27 de junio de 1937. Nuestros Caidos. A. Brisimo. Brigada Mixta 43. Frente carretera de Extremadura.

Valentín Paz Andrade. Libro de conversaciones.

Entrevistas:

Flora de Dios Rodríguez. Represaliada, participantes de los hechos ocurrido en la Puerta del Sol de Vigo.

Concha Nogueira, hija de Ángel Nogueira y Carmen Miguel.

Franco Fernando, Una vida marcada por la guerra y la militancia comunista. Faro de Vigo. 27.06.2013

Bragado Manuel, Bou "Eva". Faro de Vigo.

Referencias poéticas.

Valentín Paz Andrade foi o autor do primeiro poema en galego sobre a traxedia, "Na onda até Rianxo". Escrito en 1976 e publicado no libro "Cen chaves de sombra" (1979) homenaxea aos curmáns de Castelao: "Da nosa luz vivían e ao perdela [...] no bou Eva apresado no Berbés,/ coa cámara chea de escapados,/ voluntarios da morte todos eles / adiantando o seu fin / á auto-execución se condenaron / como Sócrates náuticos".

Anxo Angueira cantou ás vítimas no seu poemario "Fóra do sagrado" (2007): "Vigo Berbés trinta e seis / Berbés mariñeiros do mare e o bou Eva", "malpocadiños todos todos / nadando mortos no Berbés".

Colaboración do escritor e documentalista Lois Pérez Leira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

6 Sonia Mª Fontán Rdguez

Mil grazas pola lembranza e polo relato. José Rodríguez Lorenzo era o meu avó materno e xunto có seu irmán Fernando Rodríguez Lorenzo foi asasinado neste tráxico suceso,deixando marcadas para sempre as vidas da miña avoa Emilia Sueiro Cameselle e da miña nai Emilia Rodríguez Sueiro,que por aquelas datas tiñan 25 e 3 anos respectivamente. Nunca entenderei os motivos polos que un episodio tan terrible e cruento coma este caeu no esquecemento durante tantos anos.E nunca estarei o suficientemente agradecida ó colectivo BOU EVA pola súa laboura en prol de que estes feitos non señan esquecidos.

5 Galegus

Arrojado de un tranvía en marcha por llevar un rosario Sergio Cid Pazo, de 52 años, natural de Allariz (Ourense), sacerdote salesiano beatificado en 2001, había transcurrido toda su vida en Sarrià desde que profesó en esa casa en 1905. Expulsado del colegio el 21 de julio, el día 30, según un testimonio jurado del proceso de beatificación, “viajaba en un tranvía en Barcelona. Algunos milicianos, fijándose bien, tuvieron la sospecha de que era un cura. Agarrándolo por un brazo, le sacaron la mano del bolsillo: entre los dedos tenía el rosario. Lo arrojaron del tranvía en marcha. Murió destrozado contra un farol”. http://infocatolica.com/blog/demart...

1 Montoya

Y que intentas decir? Desde la guerra la iglesia ha dejado muy claro de que lado han estado, y no es con el pueblo. Yo tengo familiares que murieron fusilados por culpa de curas. Nunca ha existido ni tan siquiera un amago de disculpa: Simplemente actitudes chulescas. Se han sabido ganar bien el desprecio y odio de gente de a bien.

4 onde están os falangistas?

Non é posibel identificar algún dos falangistas que participaran nese episodio? Non queren (ou non quixeron) sair dando a cara a dicir "Eu estaba alí"? Farian moito ben se aportaran a sua versión.

1 Pio Muela

Eles não têm falta de dar a cara porque já têm TeleMadrid para fazer documentários revisionistas e justificar tudo quanto fizeram. Já há historiadores do regime. Já há histórias de Espanha laudatórias ou mornas com o fascismo editadas com dinheiro de todos. Em resumo, eles ganharam, e os ganhadores escrevem a história.

3 Roja de 100.000 euros

En el fondo esta propaganda a deshora no es más que esto, apropiación indebida, trinque de subvenciones y latrocinios varios: El extesorero de la Federación Memoria y República, acusado de apropiación indebida http://www.lne.es/gijon/2014/04/22/...

2 Lector atento

Nesta colaboración, de moito interese, debeu de realizarse un típico "corta e pega" xa que se utiliza nalgúns parágrafos o castelán. Aviso que no meu caso realizo, exclusivamente, por ser Galicia Confidencial, un medio redactado en galego.