O TSXG estima o recurso de Acuaes e obriga a pagar ao Concello de Ourense máis de 4,4 millóns pola EDAR de Reza

A sentenza non é firme e o goberno local estudará se interpón recurso de casación ante o Supremo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso de apelación interposto por Augas das Concas de España (Acuaes) e determinou que o Concello de Ourense deberá pagar a esta entidade 4.492.228 euros máis intereses como consecuencia de gastos derivados da construción da estación depuradora de augas residuais de Reza. Segundo indicou o goberno local nun comunicado, trátase dun preito cuxo orixe se remonta a mandatos municipais anteriores ao actual, derivados dun convenio asinado en 2009.

A sala estima o recurso de apelación interposto por Acuaes contra a sentenza de xuño do ano pasado do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, que revoga parcialmente e condena ao Concello a pagar os 4.492.228 euros máis os intereses correspondentes.

O fallo non é firme e a xunta de goberno local do Concello estudará na súa sesión desta semana (que se celebrará o venres) a proposta dos servizos xurídicos de interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

PETICIÓNS

Acuaes reclamáballe ao Concello de Ourense esta cantidade en virtude do convenio subscrito pola Sociedade Estatal Augas da Conca do Norte S.A., a Xunta de Galicia, o organismo autónomo Augas de Galicia e o Concello para a execución e explotación das obras de mellora do saneamento de Ourense.

O Concello opúxose á demanda e un xulgado decretou que o Concello non tiña que pagar a contía reclamada polas obras da EDAR de Reza, que só estimaba parcialmente a demanda de Acuaes e condenaba o Concello a abonar 631.543,24 euros derivados do convenio para as obras do abastecemento máis os intereses (por importe de 43.596,57 euros), ata un total de 675.139,81 euros. A sociedade estatal recorreu e agora o alto tribunal galego estimou o seu recurso.

Fachada do Concello de Ourense. EUROPA PRESS - Arquivo
Fachada do Concello de Ourense. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta