O BNG en contra da "escalada militarista" de España e a OTAN no conflicto entre Rusia e Ucraína

Rego advirte do risco de que o Estado español "se deixe arrastar a este conflito pola actitude militarista da OTAN e dos Estados Unidos".

Por Galicia Confidencial | Madrid | 21/01/2022 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

O BNG anunciou este venres que presentará unha iniciativa no Congreso rexeitando "rotundamente" o envío de efectivos militares ao Mar Negro e países do leste, entre eles a fragata Blas de Lezo, con base en Ferrol, tal e como anunciou o Goberno español.

Tripulación da fragata 'Blas de Lezo' ao atracar no Arsenal Militar de Ferrol, onde ten a base.
Tripulación da fragata 'Blas de Lezo' ao atracar no Arsenal Militar de Ferrol, onde ten a base.

Así, a través dun comunicado, reclama ao Executivo de coalición que aposte no diálogo e os esforzos diplomáticos no marco da OSCE e a ONU para evitar calquera posíbel conflito militar. Tamén pide que a decisión de enviar efectivos militares sexa debatida previamente no Congreso.

Nos últimos días produciuse unha escalada da tensión entre os Estados Unidos e Rusia que ameaza con detonar un conflito militar de consecuencias imprevisíbeis. "É unha escalada que se alimenta da pretensión da OTAN de continuar a ampliación cara ao leste, incorporando tamén Ucraína e Xeorxia -o que é valorado como unha ameaza militar por parte de Rusia-", destacan os nacionalistas.

“A decisión do Goberno español de ofrecer á OTAN o envío de efectivos militares ao leste parécenos profundamente desacertada. En vez de apostar na desescalada pola vía diplomática e do diálogo, toma o camiño de contribuír para o aumento da tensión bélica na zona. É un erro", indica. E a pregunta evidente é se o PSOE quere cometer os mesmos erros do Partido Popular de Aznar, converténdose no “partido da guerra” en vez de apoiar todas as iniciativas de paz posíbeis”, sinala Néstor Rego.

Por iso, o BNG "rexeita rotundamente" o envío de efectivos militares ao Mar Negro e a Países do leste e reclama unha mudanza de posición. “Cremos que unha polítiuca de paz require apostar sempre no diálogo e nos esforzos diplomáticos, no marco de organizacións como a ONU, para lograr a desescalada das tensións e procurar unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos”, salienta o deputado nacionalista.

Rego advirte do risco de que o Estado español "se deixe arrastar a este conflito pola actitude militarista da OTAN e dos Estados Unidos e polos intereses xeoestratéxicos desta potencia imperialista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 UaBu

Pero Lores está encantado coa Brilat en Pontemerda.