Sindicatos agrarios aproban, con cautela, as recomendacións de Europa para o benestar animal no transporte

Reducir os tempos de viaxe e apostar pola produción local son algunhas das medidas; un cambio "de calado" para os sindicatos nun sector que non poderá asumilo "se non se lle facilitan os medios".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/01/2022 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

O Parlamento Europeo aprobou este xoves unha serie de recomendacións polas que pedirá aos países membros endurecer o normativas respecto ao benestar animal durante o transporte; unhas orientacións que sindicatos galegos aproban, pero ante as que se mostran cautelosos.

Policía Foral inspecciona un vehículo de transporte animal na estrada N-113
Policía Foral inspecciona un vehículo de transporte animal na estrada N-113 | Fonte: Europa Press.

Así, tras 18 meses de investigación, a comisión da Cámara, creada en xuño de 2020 para examinar supostas infraccións da lexislación europea, concluíu que as disposicións da UE nesta área "non sempre se cumpren nos Estados membros e que as diferentes necesidades dos animais non se teñen plenamente en conta".

Sinalan que as vulneracións máis habituais teñen que ver coa falta de espazo, a subministración de auga e alimento, o traslado de animais non adecuados para o transporte e o amontoamento. Tamén se detectou a utilización de vehículos inapropiados e que, en ocasións, o transporte ten lugar baixo temperaturas extremas e durante períodos prolongados.

"Cada ano millóns de animais vivos son transportados por estrada, mar, ferrocarril e aire dentro e fóra da UE para o seu sacrificio, engorde ou reprodución. O seu benestar durante estas viaxes debería estar garantido, pero non é así", apuntan respecto da normativa de 2005.

SINDICATOS

Sindicatos agrarios e asociacións animalistas de Galicia, aínda que se mostraron a prol de "todo o que teña que ver con garantir os dereitos e o benestar dos animais", expresaron a súa "preocupación" sobre a implementación das medidas.

Asecretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, asegurou que, a pesar de tratarse de recomendacións e non dunha normativa de obrigado cumprimento, trátase dun cambio "importante e significativo", "de gran calado" no sector e que segue a "tendencia" defendida non só polos propios produtores, senón tamén pola sociedade en xeral, de "maior benestar animal, con produtos de maior calidade e unha produción de proximidade".

Remarca que sempre existiron "baleiros" nos tratados de comercio internacional respecto do benestar animal; carencias que pretenden solucionar estas recomendacións pero para cuxa implementación moitas Administracións deben cambiar a dinámica mostrada ata o momento, entre elas a galega.

E é que entre as suxestións do Parlamento Europeo está limitar o tempo de viaxe dos animais ata o matadoiro para que este non supere as oito horas --catro horas no caso das femias no último terzo de xestación--, así como rexistrar a temperatura, a humidade e o nivel de amoníaco durante a viaxe.

Piden tamén que as crías lactantes de menos de catro semanas non sexan transportadas --actualmente o limiar está nos 15 días--, agás polos gandeiros e nunha distancia inferior de 50km, e expoñen a instalación de cámaras nos vehículos de transporte, en particular para as operacións de carga e descarga.

Para poder pór en práctica estas recomendacións de maneira efectiva, "as Administracións deben pór os medios necesarios", explica a secretaria de SLG, como apoiar, por exemplo, as granxas para facilitar a cría de proximidade ou apostar polos matadoiros municipais, "que levan anos pechándose".

"A UE fai fincapé en reducir o tempo entre a saída das granxas e o destino, pedindo mesmo expresamente a creación de matadoiros comarcais e, tal e como se comercializa aquí hoxe en día e coa eliminación de matadoiros, é moi difícil implementar as recomendacións", insiste Vilalba, que espera un cambio de paradigma por parte da Administración, "medios" que non repercutan en máis custos para as granxas.

O incremento dos custos a cargo dos donos dos animais é precisamente una das principais preocupacións de Unións Agrarias.

"Todo o que sexa mellorar as condicións do benestar animal, implícanos, impórtanos e por suposto, estamos de acordo. O problema é quen vai sufrir os custos porque ao final nestes sectores, adoita recaer sobre o dono do animal", explicou o responsable de Gandaría do sindicato Unións Agrarias, Xosé Ramón González.

González asegurou que se trata dun "tema complicado" polo encarecemento que suporá, moi posiblemente, para o gandeiro. "Na situación na que estamos, non podemos asumir ese incremento dos custos", afirmou, tras o que puxo o foco nas consecuencias que terán as novas medidas na exportación e, polo tanto, nos prezos e o mercado nacional.

REDUCIR O TRANSPORTE DE ANIMAIS VIVOS

Doutra banda, os eurodeputados critican que non existe un sistema de control para o transporte de animais a países non pertencentes á UE, polo que esixen aos Estados membros que inspeccionen todos os envíos fóra da Unión para garantir que os animais están alimentados e hidratados e que hai suficiente espazo.

Avoga ademais o Parlamento Europeo por "unha transición cara a un sistema máis eficiente e ético", que favoreza o transporte de seme e embrións sobre o de gando reprodutor, e de carne en lugar de animais para ser sacrificados.

Así mesmo, esixen á Comisión que presente, como tarde de 2023, un plan de acción para apoiar a transición, incluíndo unha proposta con fondos específicos para minimizar o impacto socioeconómico dos cambios necesarios.

O PLAN PARA 2023, CLAVE PARA LIBERA!

Estes últimos puntos foron valorados moi positivamente pola asociación animalista Libera! que aproba a redución do número de horas de viaxe a oito, pero pide que a tendencia camiñe a "reducir aínda máis o número de horas máximas e a esixir maiores medidas de benestar".

En canto ao plan estratéxico de 2023, sinalan que "suporía un golpe ás terribles condicións nas que chegan miles de animais en megabuques, con altas taxas de mortalidade e coas propias tripulacións tirando aos animais mortos ao mar, nalgúns casos". Unha circunstancia na que coinciden co Sindicato Labrego, que tacha de "barbaridade" que, por "baleiros burocráticos", se permita o transporte de animais en barcos a longa distancia, chegando a pasar pechados 70 días.

A asociación animalista lembra ademais que xa expuxo ao Ministerio de Consumo durante a exposición pública do Real Decreto sobre videovixilancia en matadoiros a instalación de cámaras para rexistrar o momento de descarga dos animais.

"Precisamente o texto aprobado pola Cámara europea contempla este sistema de circuíto pechado nos vehículos, con especial interese neses movementos de carga e descarga", argumentan.

O grupo animalista móstrase esperanzado en que o texto europeo "chegue a tempo" para poder plasmar as recomendacións no texto lexislativo que regula as condicións de transporte dos animais vivos e que, desde hai un ano, revisa o Ministerio de Agricultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta