Novas restricións: cae o toque de 'non queda', máis horario en hostalaría e concertos con público de pé

O conselleiro de Sanidade vén de anunciar tamén a continuidade do pasaporte covid. Avanza tamén que a Xunta proporá reducir as corentenas a cinco días á Comisión de Saúde Pública.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2022 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

Novas restricións sanitarias en Galicia. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou na mañá deste mércores a caída do toque de "non queda" e a relaxación das medidas no tocante á hostalaría, que volverá a contar cos horarios previos ao Nadal e na que se permitirá, entre outros, o consumo en barra. Asemade, Comesaña anunciou tamén o regreso dos concertos e espectáculos con público de pé, mentres que o certificado covid se mantén.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa tras a reunión do comité clínico.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa tras a reunión do comité clínico.. XUNTA

Boa parte destas medidas foran xa deslizadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que xa o pasado martes apuntou á caída do "toque de non queda", que impedía as reunións de non conviventes entre as 3 e as 6 da madrugada nas fins de semana. Asemade, o presidente autonómico abrira tamén a porta a unha relaxación nas medidas da hostalaría que finalmente tivo lugar tamén. 

Bares e restaurantes pasarán agora a pechar á 1 da mañá durante a semana e ás 1:30 durantes as fins de semana logo de estar case un mes coa medianoite e a 1 como teito. A ampliación dáse, asemade, no ocio nocturno, que pasa das 3:00 ás 4:00 pola semana e as 5 da mañá nas fins de semana. Asemade, regresa o consumo en barra, e as reunións en mesa poderán ser de até 8 persoas en interiores ou 15 en exteriores. 

A entrada en vigor das últimas medidas antes de Fin de Ano, na Comunidade bares e restaurantes deben pechar a medianoite excepto venres e sábados, que o fan á 1,00 da mañá; mentres que pubs e discotecas teñen de límite as 3,00 horas. Xunto a isto, segue vixente un toque de queda de fin de semana, xa que as reunións de non convivientes seguen prohibidas de 3,00 a 6,00 da madrugada os xoves, os venres e os sábados.

Entre as medidas adoptadas pola Xunta a raíz das conclusións extraídas polo comité clínico na reunión do pasado xoves --coincidentes, como se viu, coas apuntadas por Feijóo antes do encontro-- atópase tamén o regreso dos concertos e espectáculos con público de pé, así como dos cócteles nas mesmas circunstancias-. Comesaña fixo fincapé na importancia do respecto ás medidas --máscara e distancia-- como salvagarda da seguridade nestes casos Igualmente, o conselleiro de Sanidade anunciou a continuidade do certificado covid como obrigatorio para acceder ao interior de bares e restaurantes ao incidir na súa "utilidade" para "animar á cidadanía a vacinarse". Tamén seguirá vixente en eventos de 200 e 500 persoas en interior e exterior, respectivamente, e cando se vendan alimentos ou bebidas.

PROPOSTA PARA REDUCIR AS CORENTENAS

Por outro lado, Comesaña, avanzou que Galicia exporá á Comisión Nacional de Saúde Pública, no que están reunidas as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, reducir o illamento dos contaxiados por covid de 7 a cinco días. Así o apuntou na mesma rolda de prensa posterior ao comité clínico que asesora á Xunta na toma de decisións da pandemia, na que precisou que oficialmente levará esta cuestión a próxima semana. Actualmente o illamento está en 7 días con vixilancia ata o dez días

A proposta de reducir a cinco días prodúcese nun contexto no que, como explicou o conselleiro ao comezo da súa intervención, "máis do 99 por cento" dos casos detectados recupéranse nos seus domicilios con sintomatoloxía leve.

Galicia conta neste momento con máis de 65.000 contaxios e 629 hospitalizados, dos que só 48 están en UCI. Igualmente, o conselleiro admitiu o "impacto" desta sexta vaga de covid --co pico xa "superado", segundo apuntou-- na Atención Primaria, pero volveu ligalo á carga burocrática de traballo que están a sufrir os sanitarios por mor da tramitación de altas e baixas laborais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta