O BNG inicia unha campaña para a derrogación da reforma laboral e cualifica de "engano" a proposta do Goberno central

Chama á participación nas mobilizacións convocadas pola CIG o vindeiro domingo 30 de xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/01/2022 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

O BNG iniciou unha campaña informativa en toda Galicia para esixir a derrogación da reforma laboral. Así, a portavoz municipal do Bloque en Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou este mércores, que o acordo de PSOE e Unidas Podemos "é un engano, pois se vende como unha gran noticia cando vai consolidar os aspectos máis lesivos da reforma do PP".

A portavoz municipal do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín,repartindo folletos como parte da campaña do Bloque para esixir a derrogación da reforma laboral
A portavoz municipal do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín,repartindo folletos como parte da campaña do Bloque para esixir a derrogación da reforma laboral | Fonte: BNG.

A formación frontista repartirá desde este mércores, na rúa e as entradas de varias fábricas en distintos concellos galegos, folletos que recollen as súas demandas sobre a derrogación da reforma laboral, entre outras, recuperar a indemnización de 45 días nos casos de despedimento improcedente ou reverter as medidas que abaratan o despedimento.

Ademais, Sanmartín afirmou que o Executivo "desaproveita unha oportunidade histórica" e que "existe unha maioría suficiente" para derrogar por completo a reforma aplicad polo anterior Goberno do PP, pero que, en lugar de facelo, o Goberno central "aférrase a unha opción moi débil" que non cambia moitos aspectos da reforma vixente.

Nesta liña, a formación nacionalista esixiu que a reforma se presente como Proxecto de Lei, "de tal forma que poida sufrir modificacións ao seu paso polo Congreso". De seguir o camiño previsto polo Goberno, o Bloque considera que quedará fóra do debate unha gran parte da representación cidadá.

MOBILIZACIÓNS DA CIG

Unha das denuncias da formación frontista a este respecto céntrase en que "non se tivo en conta a representación maioritaria da CIG". Por iso, ademais da campaña informativa, os nacionalistas fixeron un chamamento á participación nas mobilizacións organizadas pola CIG o vindeiro domingo 30 de xaneiro.

A portavoz municipal tamén destacou que, de manterse a proposta, "intensificaranse a precariedade laboral e a temporalidade que afectan en Santiago a sectores tan relevantes como a hostalaría, o turismo, a sanidade ou o ámbito da investigación".


"Lembremos que en Santiago son 13.180 persoas as residentes fose do Estado español e que na última década emigraron máis de 14.000 composteláns e compostelás por falta de oportunidades laborais", advertiu Sanmartín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta