A nova reforma das pensións é recibida con protestas nas sete cidades galegas

Convocados pola CIG, centos de xubilados denuncian que o Goberno vende como "un avance a recuperación da revalorización das pensións co IPC".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 27/01/2022 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

Centos de xubilados protestaron este xoves nas sete cidades galegas contra a nova reforma das pensións en concentracións convocadas pola Confederación Intersindical Galega (CIG).

Nelas, a organización sindical esixiu a derrogación das reformas do sistema de pensións levadas a cabo en 2011 e en 2013 e denunciou que a reforma aprobada este ano polo Goberno do PSOE e Unidas Podemos "non garante o mantemento do poder adquisitivo". Así, os manifestantes escenificaron o seu rexeitamento a esta nova lei queimando copias do BOE no que este mércores saíu publicada.

Para a CIG, esta nova reforma consolida os aspectos máis lesivos das reformas anteriores, "pretendendo vender como un avance a recuperación da revalorización das pensións co IPC".

"Pero é un engano, porque a norma establece a revalorización segundo o IPC medio e non o IPC acumulado. Isto supón que este ano perderemos un 4% do noso poder adquisitivo, xa que as pensións só soben un 2,5%, mentres que a inflación situouse nun 6,5%", denunciou o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG.

No manifesto das concentracións deste xoves lembrábase que hai exactamente 11 anos a CIG, "en solitario", levaba adiante unha folga xeral contra a reforma das pensións do Goberno de Jose Luís Rodríguez Zapatero, "que supuxo un enorme retroceso no sistema público de pensións", xa que aumentou a idade de xubilación aos 67 anos.

"Hoxe, moitas das persoas que participaron na folga do 2011 están xubiladas e cobran unha pensión. E hoxe, van sufrir un novo agravio, ao ver minguado o poder adquisitivo das súas pensións con esta revalorización tramposa do autodenominado goberno máis progresista da historia e dos seus cómplices, as centrais sindicais españolas CC.OO. e UXT", criticaron desde a CIG.

Protesta convocada pola CIG contra a reforma laboral.. CIG
Protesta convocada pola CIG contra a reforma laboral.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta