Román Rodríguez carga contra o novo decreto educativo do Goberno: "chega tarde"

O conselleiro de Educación asegura que os "grandes avances" do Goberno "xa existen en Galicia", como a gratuidade das escolas infantís.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, valorou este mércores o novo decreto estatal de educación infantil, que establece e regula os ensinos mínimos desta etapa, e que, para o Goberno autonómico, terá un impacto "reducido" en Galicia, posto que propón medidas "xa implantadas" na Comunidade.

"Os grandes avances que se están expoñendo son avances que xa existen en Galicia", asegurou Román Rodríguez; declaracións que pronunciou tras participar esta mañá no Foro 'Proxectos culturais e fondos europeos'. O conselleiro referiuse, concretamente, á gratuidade da etapa de 0 a 3 anos, "presente en Galicia e na que se continúa traballando" e á implantación de programas didácticos, tamén en funcionamento na Comunidade.

Así, o titular de Educación afirmou que este decreto "chega tarde" e que aínda é o primeiro dunha serie de decretos que teñen que chegar coa nova lei de educación. A este respecto, insistiu na "necesidade" de que se "axilicen" os procedementos por parte do Goberno central, xa que despois son as Comunidades as que teñen que desenvolver estes decretos. "Insisto, faltan os de primaria, secundaria e bacharelato. E lembro declaracións significativas feitas desde o propio Ministerio cuns prazos que, por desgraza, non se cumpriron", criticou.

O real decreto de Educación infantil, levado ao Consello de Ministros este martes 1 de febreiro, establece a ordenación e os ensinos mínimos desta etapa e indica ademais que ten carácter voluntario. Ordénase en dous ciclos: o primeiro comprende ata os 3 anos e o segundo, gratuíto, desde os 3 aos 6 anos de idade. Os contidos de Infantil organízanse nas áreas denominadas Crecemento en harmonía; Descubrimento e exploración da contorna, e Comunicación e representación da realidade. En cada área, proponse unhas competencias específicas comúns para os dous ciclos da etapa.

Neno xoga nun centro educativo / Xunta.  / Europa Press
Neno xoga nun centro educativo / Xunta. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta