O eucalipto, o invasor que está matando as árbores sagradas de Galicia

Os eucaliptais arrasaron xa máis de 300.000 hectáreas de bosque autóctono, o 30% da superficie forestal galega. A ollada da fotógrafa Ariadna Silva tenta sacar do esquecemento este drama ecolóxico.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/02/2022 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

Os eucaliptos en Galicia enguliron xa máis de 300.000 hectáreas, o 30% da superficie forestal. Un feito que non pasou desapercibido para o obxectivo da fotógrafa Ariadna Silva Fernández e o seu proxecto Cartografia do Esquecemento. Un proxecto no que tenta buscar as raíces da natureza galega para que o conxunto da sociedade reflexione sobre o impacto que unha especie invasora como o eucalipto está tendo nos nosos montes.

Un incendio arrasou un monte cheo de eucaliptos
Un incendio arrasou un monte cheo de eucaliptos | Fonte: Ariadna Silva

Nunha interesante reportaxe no xornal portugués Público, Ariadna Silva lembra que o eucalipto está arrasando con bosques autóctonos de carballos e castiñeiros, "árbores sagradas, fontes de sabedoría e canles de comunicación co alén", e tamén con sobreiras ou piñeiros mansos.  As carballeiras son, segundo Ariadna, o símbolo de "celebracións e festividades até aos días de hoxe" e "son considerados espazos de lecer e desconexión, lugares onde memorias colectivas e individuais corren risco de extinción".

Un "espírito sagrado" que Silva quixo trasladar no seu proxecto Cartografía do Esquecemento, que estivo exposto en Portugal ao abrigo do Festival Encontros da Imaxe en Outubro de 2021. "En realidade é un pequeno álbum familiar", refire aludindo aos seus retratos. "Existe un motivo especial: unha historia de familia. En concreto, relacionada coa compravenda de madeira de eucalipto levada a cabo polo meu avó materno", indica. 

"Os elementos naturais que están pousados sobre os retratos (da familia materna) dialogam en consonancia coa destrución progresiva do bosque. A idea é facer unha analoxía entre a destrución do bosque e a desaparición dos rostros como forma de expresar a unha perda identitária", asegura no xornal Público.

Para Ariadna, a defensa do bosque atlántico é sinónimo de resistencia. A súa preservación é unha garantía de mantemento da biodiversidade, de coidado co medio ambiente e de protección natural contra os incendios. "Hai unha certeza, o monte atlántico é un legado que aínda forma parte do noso presente. Agardemos que forme parte do noso futuro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta