Verín e Gadis fomentan a creatividade literaria dos escolares

O Concello de Verín vén de presentar o certame de poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez.

Por X.M. Fernández | Verín | 03/02/2022 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

Co obxectivo de darlle pulo á creatividade literaria do alumnado dos centros de ensino da comarca, o Concello de Verín, en colaboración coa marca de distribución alimentaria GADIS, convocan o ‘Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez’.

Xosé Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro | Fonte: Wikipedia

As bases pódense atopar na propia páxina web do Concello de Verín e como punto de partida cómpre sinalar que o concurso está destinado a matriculados/as en Primaria (5º ou 6º) 1º, 2º, 3º e 4º de ESO de todos os centros da comarca.

Os poemas serán orixinais e inéditos, de tema libre e escritos en galego. Poden levar título, presentaranse con pseudónimo e non pasarán os 24 versos sobre un formato DINA4.

PRESELECCIÓN E SELECCIÓN

Haberá unha primeira fase de preselección na que segundo o criterio do centro escolleranse un máximo de 3 poemas en cada unha das tres categorías que se teñen en conta. Iso é 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º de ESO, e 3º e 4º de ESO.

Os poemas preseleccionados enviaranse a cultura@verin.gal antes das 12:00 h. do 6 de maio.

Todas as persoas autoras dos traballos finalistas recibirán un diploma e un lote de libros, mentres que os/as gañadores/as seleccionados/as recibirán os seguintes premios en cada unha das tres categorías: 90 euros para o primeiro premio, 60 para o segundo e 30 para o terceiro. De estimalo, o Xurado pode deixar algún premio deserto.

Os devanditos premios consideraranse como compensación económica pola cesión de dereitos de autor e para acreditar a orixinalidade esixirase unha declaración escrita das persoas autoras ou das titoras.

Ademais, cada centro que presente traballos e cumpra coas bases, recibirá un bono por valor de 60 euros para a adquisición de libros por cada categoría na que participe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta