Unha saída de vía deixa dous mortos e un ferido de consideración en Abegondo

Dúas persoas resultaron feridas noutros tantos accidentes ocorridos na madrugada deste sábado nos municipios pontevedreses de Silleda e Vigo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2022 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

Dous mozos duns 35 anos de idade, naturais de Culleredo, morreron e outro sufriu feridas de consideración despois de que o coche no que viaxaban saíse da vía esta madrugada no municipio coruñés de Abegondo.

En concreto, os feitos sucederon na DP-0103 ao fío das 4,00 da mañá cando circulaban en dirección a Carral. O 112 Galicia, segundo informa, recibiu a alerta do accidente a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Seguidamente, a central de emerxencias puxo os feitos en coñecemento dos bombeiros de Betanzos, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil de Abegondo. Os bombeiros interviñeron para excarcerar ao tres ocupantes do vehículo accidentado, xa que quedaron atrapados no interior.

Con todo, os servizos sanitarios desprazados non puideron facer nada por salvarlle a vida a dúas das vítimas, que ocupaban os postos de condutor e copiloto, respectivamente. Por outra banda, o ferido, que viaxaba na parte traseira, foi trasladado ao centro hospitalario de referencia nunha ambulancia. Ademais, o 112 Galicia informou o accidente ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), por se fose necesaria a súa intervención.

O Concello de Abegondo emitiu na mañá deste domingo un comunicado no que mostra "o seu fondo pesar" e traslada o seu "ánimo aos familiares e persoas achegadas" dos dous falecidos, que eran naturais de Culleredo.

Control da Garda Civil de Tráfico.. GARDA CIVIL
Control da Garda Civil de Tráfico.. GARDA CIVIL

ACCIDENTES EN SILLEDA E VIGO

Dúas persoas resultaron feridas noutros tantos accidentes ocorridos na madrugada deste sábado nos municipios pontevedreses de Silleda e Vigo. O primeiro deles sucedeu uns minutos antes das 00,45 horas da noite na rúa Chousa Grande do lugar da Bandeira, en Silleda. Neste sinistro, un coche saíu da vía e chocou cun transformador.

O home que resultou ferido tivo que ser excarcerado polos bombeiros ao quedar atrapado no interior do vehículo. Posteriormente, foi atendido por un equipo médico que se desprazou ata o lugar.

Tras ter coñecemento do accidente a través de varias persoas particulares, o 112 Galicia pasou o aviso a Urxencias Sanitarias-061, aos bombeiros de O Deza, á Garda Civil de Tráfico e á empresa subministradora da electricidade.

OUTRA SAÍDA DE VÍA EN VIGO

Así mesmo, outra persoa resultou ferida en Vigo ao saír da vía o coche no que viaxaba, que acabou por chocar contra outro catro vehículos que estaban aparcados na rúa Areal.

Sucedeu ao fío das 5,15 da mañá, hora na que o 112 recibía a alerta a través do 061. Seguidamente, a central de emerxencias pasou o aviso á Policía Local e aos bombeiros da cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta