Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/02/2022 | Actualizada ás 12:39
O Goberno galego declarou a prealerta de seca en 12 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, o que supón un "aviso precoz" e traducirase nun incremento da vixilancia e control da situación hidrográfica e o reforzo de cooperación e intercambio de información co resto de administracións --como os concellos e o resto de demarcacións--.
Anunciouno a conselleira de Infrarestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha rolda de prensa na que subliñou que o abastecemento está "garantido" tanto nas zonas nas que depende de encoros (o seu nivel de auga almacenada está en indicadores normais) como nas que se nutre de caudais circulantes, aínda que estas son "máis vulnerables" se non mellora a situación.
En todo caso, a Xunta opta por declarar a prealerta en 12 dos 19 sistemas de Galicia-Costa (desde o Río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona ata o Río Mandeo e Ría de Betanzos, exceptuando a zona máis norte de Ferrol e A Mariña) tras detectar "dúas anomalías claras" no que respecta aos niveis de precipitación e os caudais circulantes. Ademais, o indicador da predición meteorolóxica tampouco é favorable, posto que augura a "presenza continua de anticiclóns e déficit de choiva".
Nesta conxuntura, a Xunta incide na relevancia de compartir información e concienciar no consumo responsable de auga aos cidadáns, co foco tamén nos concellos e comunidades de veciños co fin de optimizar o control de fugas.
PREALERTA EN DOCE SISTEMAS DE ABASTECEMENTO
En concreto, o Executivo autonómico decidiu declarar o estado de prealerta por seca nos sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); e río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita);
Tamén dá o mesmo paso nos sistemas de río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos.
Os sete sistemas restantes, correspondentes coa zona norte de Galicia, mantéñense en niveis de normalidade, no marco deste "aviso precoz" cuxo obxectivo, en palabras de Vázquez e Gutiérrez, é "anticiparse" ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como concienciar ao cidadán da importancia dun consumo "eficiente e responsable".
Unha vez declarada a prealerta, a Xunta convocará a próxima semana a Oficina Técnica da Seca para realizar "un seguimento continuo e coordinado" da situación xunto con Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería de Medio Rural, á vez que se remitirá unha comunicación aos concellos afectados.
Así mesmo, Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento, pasando dun seguimento mensual a unha análise cada 15 días e avaliando un abanico máis amplo de indicadores.
DÚAS ANOMALÍAS DETECTADAS
A conselleira explicou que, de acordo co procedemento establecido no Plan de Seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, a declaración de prealerta está sustentada en dúas anomalías detectadas nos datos de precipitacións e de caudais circulantes.
Así, no mes de xaneiro indican que o valor medio de precipitacións foi un 64% inferior ao da serie histórica; e o caudal medio dos ríos no mes de xaneiro situouse un 43% por baixo da media de todos os meses de xaneiro dos últimos 10 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.