Inseguridade na Coruña: "dróganse dentro dos portais e entran nos garaxes a roubar"

O barrio do Castrillón sofre dende hai meses un estalido de conflitividade por mor da aparición de novos consumidores e traficantes de droga. Segundo apunta a veciñanza, os roubos e a inseguridade van en aumento. Dende a AAVV acusan ao PP de instigar a problemática, mentres que o Concello defende os avances tras aumentar a dotación de Policía Local.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Volve a heroína ás cidades galegas. Catro décadas despois de que o cabalo fixera estragos na mocidade dos 80, nos parques e descampados das urbes reaparecen as hipodérmicas usadas. As últimas denuncias parten do barrio coruñés do Castrillón, situado ás aforas da cidade, onde o consumo de droga na vía pública comeza a verse sucedido por roubos e unha tensión en aumento. 

Vehículo co cristal partido no barrio coruñés do Castrillón
Vehículo co cristal partido no barrio coruñés do Castrillón | Fonte: Imaxe cedida pola veciñanza

O Castrillón é un barrio situado na parte exterior da Coruña, a boa distancia da Praza de María Pita e as rúas empedradas da Zona Vella. Como case todas as zonas que algunha vez trocaron en núcleos de drogadicción, o Castrillón comparte esta separación do centro urbano coa presenza de zonas non urbanizadas. Os edificios de formigón conviven con terreos sementados de silvas e toxos, e o asfalto das estradas vai parar case sempre a camiños de terra.

De aí que xa dende tempo atrás houbera noticia de tráfico a pequena escala, como recoñece Teresa, unha veciña "do barrio de toda a vida" que rexenta un negocio nestas rúas coruñesas. A muller explica que, con todo, eses pequenos trazos delituosos veñen de estalar nunha forma "nunca antes vista" ao longo destes últimos meses. "É tremendo. Párante na rúa para pedir cartos, comezan a meterse nos portais para drogarse...".

A problemática do tráfico e consumo focalizaríase nunha casa okupa situada nas proximidades dun espazo sen urbanizar, e a certa distancia tamén das vías principais. Como explica Teresa por teléfono, esa vivenda exerce de auténtico "supermercado de droga”, acollendo un río de clientes practicamente a todas as horas do día. “Fai nada había cinco persoas petando desesperados ás 8 da mañá para ‘pillar’”, apunta esta muller, que detalla unha chamada á policía para dar conta da situación. "Pero nada", incide. "A policía... velos pasar pola estrada xeral. Pero no coche e á velocidade á que van non ven nada”. A veciña consultada incide en que as patrullas non chegan a pisar os camiños interiores do barrio, que é precisamente onde se localiza o tráfico e o consumo. 

TENSIÓN COS VECIÑOS

"Calquera día chego e teño o cristal roto porque me entraron", relata unha veciña

Consumo de drogas na vía pública do barrio coruñés do Castrillón
Consumo de drogas na vía pública do barrio coruñés do Castrillón | Fonte: Imaxe cedida polos veciños

Precisamente, esta muller describe unha situación de tensión "in crescendo" no que os toxicómanos van conquistando cada vez máis espazos no barrio, para incomodidade e medo do resto de veciños. "O outro día tivemos que botar a uns que se estaban a facer uns chinos diante do portal. Pero noutros case xa se meten incluso dentro dos edificios", destaca. 

Máis alá do consumo na vía pública, o temor dos veciños focalízase nos roubos que están a ter lugar nos últimos meses, unha modalidade delituosa que adoita seguir ás drogas como o trono segue ao raio. Das habituais peticións de esmola na rúa pasouse a pequenos furtos "ao despiste" e, en certos casos, con intimidación mediante. Teresa relata o caso dun rapaz de 14 anos ao que lle substraeron "catro euros" e "aínda por riba lle deron unha labazada na cara".

A cuestión subiu un chanzo cando se comezaron a advertir tamén os primeiros roubos en vehículos, que aparecen "cos cristais rotos" e botando en falta pertenzas. Precisamente, no decurso da entrevista con Teresa esta recibiu a nova dunha furgoneta da que foran extraídos varios enseres. A muller resume a problemática con voz segura e clara: "comeza de menudeo e agora xa ves un tráfico de ionquis que non se cortan nin media, rouban nos coches, comezan a entrar en garaxes tamén... o seguinte será entrar nos locais e nas vivendas. É que estou agardando, que calquera día chegue e teña o cristal roto porque me entraran”.

Teresa recoñece asemade un clima de "enfado" entre os veciños polo palmario da circunstancias e a pasividade da Policía Local. No tocante á casa okupa onde se trapichea, declara: “Aí é esaxerado. Non entendo como a policía non se pon diante para controlar”. Polo momento, as asociacións de veciños e comerciantes da zona mantiveron un encontro con Concello --sostido a finais do pasado ano-- para tentar atopar solucións ao problema. Pero "na rúa non se ve nada" e a problemática vai en aumento. “Cando comeza a escurecer, as nais cos nenos retíranse da rúa...”, resume Teresa.

A AAVV CENSURA O ALARMISMO

Esta veciña consultada por Galicia Confidencial destaca o seu rexeitamento ante o papel das asociacións do barrio, entre a que apunta, precisamente, á de veciños. Neste aspecto, cómpre destacar que a propia plataforma lanzou hai apenas un mes un comunicado no que relativizaba a situación do arrabalde, recoñecendo certos "problemas de seguridade" pero rexeitando a estigmatización da zona

Neste aspecto, a AAVV Soto IAR apuntou directamente ao PP local polos movementos do partido a respecto do aparente clima de inseguridade, ao que o Goberno local xa acusou de utilización política. De feito, dende a Asociación de Veciños sinalaron ao PP como causante da chegada ao barrio de traficantes e consumidores chegados de outros espazos da cidade, responsabilizando ao partido polas súas "mobilizacións" a este respecto. 

Nesta dimensión, a asociación de veciños destaca que as caracterizacións do Castrillón como barrio "inseguro invadido por traficantes de drogas e delincuentes" non se corresponden coa realidade, censurando o "corta e pega" do Partido Popular ao apuntar á problemática na mesma liña que outros caso da cidade. 

O CONCELLO ADVIRTE MELLORAS

Galicia Confidencial dirixiuse ao Concello da Coruña para preguntar pola dotación de Policía Local destinada ao barrio do Castrillón e os plans do ente local para facer fronte á presente problemática. Dende a entidade local destacaron o papel do consistorio á hora de se coordinar "coas distintas entidades veciñais así como coa Policía Nacional, para atender as necesidades de seguridade na cidade. Hai unha maior presenza policial desde hai meses e a interlocución coas entidades, que achegan informacións dos barrios, está a dar resultados", destacan.

En calquera caso estalido de drogadicción e conflito denunciado pola veciña consultada suma un novo foco de preocupación para as autoridades da Coruña, que nos últimos meses asistiron a un novo repunta de tráfico e consumo no afamado barrio dos Mallos, situado tamén a certa distancia do centro urbano pero que se constitúe como unha zona con alta densidade de poboación. A localización das drogas nas cidades case sempre se explica por motivos sociolóxicos e urbanísticos. Así, ambas as dúas zonas aquí amentadas se caracterizan pola súa localización nos arrabaldes e un nivel socioeconómico por debaixo da media da cidade. A problemática dos psicotrópicos, por outro lado, adoita desenvolverse en núcleos atractores; de xeito que cando unha zona se erixe como espazo de tráfico e consumo con relativa impunidade é habitual a migración de novos toxicómanos ao lugar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta