Luz verde á nova estratexia galega de FP, que contempla investir 900 millóns ata 2024

Feijóo destaca o incremento do 23% no orzamento dos talleres duais e o aumento do período contractual dos 9 aos 12 meses.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2022 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou este xoves da aprobación no Consello da Xunta da nova Estratexia de Formación Profesional que contempla un investimento de 900 millóns ata 2024 para "consolidar a rede de centros de excelencia e fortalecer a formación adaptada ás persoas e ao tecido produtivo".

Tras a reunión semanal do seu Executivo, Feijóo precisou que esta folla de ruta contén sete eixos e 44 medidas concretas para seguir mellorando este modelo de ensino, facendo fincapé en aspectos como a presenza da FP no rural e o impulso da empregabilidade.

"Estamos a falar dun novo impulso para formar e facilitar o acceso ao emprego; recoñecer as competencias profesionais adquiridas; reducir a brecha entre a formación e as demandas do tecido empresarial; aumentar a colaboración coas empresas; e potenciar a FP no marco dos Sistemas de Xestión de Calidade", resumiu.

Para lograr estes obxectivos, subliñou que a nova estratexia centrarase, en primeiro lugar, na formación adaptada ás persoas e ao sistema produtivo, ademais de investir no profesorado e en infraestruturas. Unha aposta que permitirá impulsar a formación personalizada e as dobres titulacións; estreitar as relacións coas empresas, potenciando a colaboración público-privada; e potenciar o rural, con oferta adaptada ás súas características.

REDE DE CENTROS DE EXCELENCIA

No que respecta ao reforzo da Rede de centros de excelencia, Feijóo afirmou que esta levará a cabo a través do novo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional en Ourense, que será "referente no noroeste de España"; así como coa ampliación da rede para dar cobertura a todo o territorio galego e coa especialización nas diferentes familias profesionais. Sobre este punto, anticipou que cada centro deberá elaborar un plan funcional que recolla os obxectivos e indicadores de boas prácticas fixados pola Administración.

En relación á innovación e dixitalización, remarcou que o Centro de Ourense achegará novas oportunidades nestes ámbitos. E, en relación ao cuarto alicerce, a internacionalización, resaltou a aposta por incrementar as estancias do alumnado e do profesorado no estranxeiro, ademais de ampliar a presenza do plurilingüismo.

"E seguiremos tamén aproveitando a gran empregabilidade mostrada por este modelo educativo, con accións para aumentar a demanda nos ensinos con alta inserción, con actuacións para favorecer a igualdade de oportunidades, e coa difusión das capacidades dos ciclos entre potenciais estudantes e empresas", engadiu.

Finalmente, incidiu na necesidade de seguir colaborando coas empresas a través de iniciativas do auto-emprego e o contacto con líderes en xestión empresarial que guíen e motiven aos alumnos.

TALLERES DUAIS

Por outra banda, destacou que os talleres duais contarán este ano cun incremento do orzamento do 23%, ata superar os 42 millóns de euros, e que aumentarán a duración do período contractual dos 9 aos 12 meses. Esta iniciativa permitirá chegar a 1.600 persoas sen emprego e desenvolver máis de 80 programas para incrementar as oportunidades laborais dos participantes.

Deste xeito, o alumnado destes talleres duais poderá mellorar a súa empregabilidade tras recibir formación teórica e práctica da man de expertos; desenvolver actuacións de interese xeral e social; colaborar con entidades locais e, ao finalizar, recibir un certificado de profesionalidade e un contrato de traballo a xornada completa nunha empresa da contorna por 3 meses. "Por tanto, a Comunidade financia o 100% do salario durante 12 meses que dura o taller e 3 meses máis no caso de obter un contrato nunha empresa", explicou o presidente.

Os beneficiarios destas axudas serán os concellos, as mancomunidades e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, tendo prioridade os concellos fusionados ou os proxectos promovidos por dous ou máis concellos agrupados.

ACENTO NA FORMACIÓN FORESTAL

Nesa liña, Feijóo subliñou que esta convocatoria pon o acento na formación forestal con actuacións na contorna dos Camiños de Santiago, nas aldeas modelo ou nos programas de concellos con áreas de Reserva da Biosfera. Tamén se incidirá en actividades relacionadas co TIC e coa economía dixital.

No que respecta ao acceso, o presidente da Xunta explicou que se dará prioridade a aqueles colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo como retornados, vítimas de violencia machista, persoas que esgotaron as prestacións por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas sen títulos universitarios, FP, ou con baixa cualificación, persoas con discapacidade, ou beneficiarios dun tramo da Risga.

Reunión do Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Reunión do Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta