Feministas protestan ás portas da sala que acolle o concerto de Kaydy Cain en Santiago

Berraban contras as súas letras "misóxinas" e "machistas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/02/2022 | Actualizada ás 21:06

Comparte esta noticia

Decenas de persoas convocadas por distintas plataformas feministas concentráronse na tarde noite deste xoves ás portas da sala de Santiago que acolle o concerto do cantante de trap Kaydy Cain en protesta polas súas letras "misóxinas" e "machistas".

Kaydy Cain
Kaydy Cain | Fonte: TWITTER @KAYDYCAIN.

Un amplo despregamento policial estendeuse polas inmediacións da comopostelana Sala Capitol, que este mesmo xoves amenceu cunha pintada en protesta pola organización do concerto.

Desde as 20,00 horas, ao redor dunhas 50 persoas concentráronse ante a entrada da sala para mostrar o seu rexeitamento á realización da actuación polas letras de Kaydy Cain, que xa foron condenadas polas corporacións dos concellos de Santiago e Mos, onde o cantante actuará este venres.

A concellaría de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago, así como os grupos municipais do PSdeG, Compostela Aberta e BNG, manifestaron a través dunha declaración conxunta a súa repulsa polo concerto polas súas letras "vexatorias" e "denigrantes" para as mulleres.

Tamén o concello de Mos expresou o seu rexeitamento este pasado luns á actuación que o cantante de trap ten prevista ofrecer o vindeiro venres nunha sala de concertos da localidade. Fixérono todos os grupos municipais mediante unha declaración institucional.

O cantante xa se viu envolto en varias polémicas debido ás súas letras e videoclips. Hai apenas unhas semanas mesmo foi acusado, en redes sociais, de abusar sexualmente de varias mulleres; acusacións que el negou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta