CCOO e UGT piden máis políticas para "corrixir a fenda salarial" en Galicia entre homes e mulleres, próxima ao 20%

Os sindicatos apuntan nos seus estudos que as mulleres galegas cobran case 5.000 euros menos ao ano que os homes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2022 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

Comisiones Obreras e UGT pon o foco das reivindicacións do Día Internacional da Igualdade Salarial, que se celebrará este martes, na brecha salarial entre homes e mulleres en Galicia que, segundo os datos presentados este luns por CCOO, sitúase nun 21,7%. O informe reflicte que as mulleres cobran uns 5.000 euros anuais menos que os homes, polo que os sindicatos insistiron en que é "urxente" que se fagan políticas laborais para reducilo.

Por unha banda, en rolda de prensa CCOO manifestou que esta fisura se traduce, posteriormente, en brechas nas pensións porque "non tiveron as mesmas oportunidades xa que son as mulleres as que teñen máis contratos temporais e parciais e as que se acollen a plans de conciliación e flexibilidade. "Hai case 100.000 mil mulleres máis cobrando pensións, pero a brecha é dun 34,53%", sinalou este luns a secretaria de igualdade da central sindical, Mamen Sabio.

Mentres, nunha nota de prensa, UGT-Galicia indicou que a causa desta brecha ten que ver coa contratación que ten as mulleres con "máis parcialidade involuntaria, con carreiras profesionais menos estables por ter que asumir conciliación e por ter unha maior representación en sectores máis precarizados".

A pesar disto, UGT resalta un dato positivo sobre a brecha salarial: "baixou dous puntos en relación ao ano anterior e é a máis baixa do últimos dez anos". Ademais, asegura que detrás desta mellora atópase "a subida do SMI en decembro de 2018".

PLANS DE IGUALDADE

Ademais, os dous sindicatos coincidiron na necesidade de que as empresas cumpran cos plans de igualdade. UGT esixiu unha "maior acción" da Inspección de Traballo para que as empresas cumpran cos rexistros retributivos e poidan pór en marcha un plan de igualdade "imprescindibles para poder demostrar a discriminación cara ás mulleres", incidiron.

Así mesmo, a secretaria xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez, demandou ás empresas que cumpran "cos plans de igualdade e co principio de transparencia". Insistiu tamén en que o que non debe deixar lugar a dúbidas é que "a mesmo traballo, igual salario".

REFORMA LABORAL

Ambos os sindicatos reivindicaron tamén a reforma laboral que se aprobou recentemente como "un avance" na aplicación da perspectiva de xénero nas políticas laborais. Sobre todo, sinalou Mamen Sabio, "no que ten que ver coa temporalidade".

UGT-Galicia relatou que a reforma constitúe un "aliado" para tratar de frear a brecha salarial entre homes e mulleres e esperan que pronto se reflictan os seus resultados no mercado laboral.

Mamen Sabio, secretaria de Igualdade de CCOO Galicia e Alicia Perez, secretaria xeral de CCOO presentan os datos da situación sociolaboral das mulleres
Mamen Sabio, secretaria de Igualdade de CCOO Galicia e Alicia Perez, secretaria xeral de CCOO presentan os datos da situación sociolaboral das mulleres | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta