Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2022 | Actualizada ás 10:00
Sobre gustos non hai nada escrito, aínda que en certos casos merecerían toda unha enciclopedia de particularidades sorprendentes. Tal é o caso dos fetiches sexuais máis descoñecidos e extravagantes, que seguramente se conten por centos pero dos que se poden destacar cinco, de acordo coa web JoyClub, que achega os seguintes exemplos curiosos.
E é que a estimulación do eros vai moito máis alá do contacto directo coas zonas delicadas: en ocasións non se precisa contacto sequera. Tal pode ser o caso da tricofilia, que malia soar a enfermidade grave se corresponde coa atracción sexual polo pelo... pero moito máis alá do considerado común ou normal. Din dende JoyClub: "estas persoas alcanzan unha intensa excitación cando acariñan o pelo doutras persoas. Pero non todos son iguais, xa que quen presenta este tipo de fetiche non segue un patrón concreto, depende da cor, o corte de pelo ou ata o peiteado". E engaden, para máis detalle: "aínda que a tricofilia se satisfai co contacto físico co cabelo, tamén se pode alcanzar ao clímax vendo cortar o pelo".
Por outro lado, os acensores serán o espazo sexual preferido dos claustrofílicos, que gozan das zonas pechadas e con escasa mobilidade. Como en todas as películas de Hollywood que amosan sexo no baño do avión, pero levando a historia un paso máis alá. Tamén é cuestión meritoria de estudo a autoandrofilia. Cedemos de novo a palabra á web referida: "vestirse con lenzaría sexy ou sensuais disfraces adoita ser unha das fantasías máis desexadas e recreadas na intimidade do dormitorio. No caso da autoandrofilia, é a muller a que sente pracer ao vestirse e actuar como home durante os preliminares e o acto sexual. Ademais, esta práctica tamén implica o rol de dominación, moi á orde do día". Todo queda dito.
No cuarto lugar, pero aínda merecente de medalla, está a estigmatofilia. "Se non tes unha tatuaxe ou piercing, é moi probable que alguén da túa contorna leve un. Pero ata que punto chega este estilo de vida? Hai persoas que o levan ao extremo e só son capaces de excitarse con outros individuos que teñan este tipo de marcas no seu corpo", explican desde JOYclub. Un fetiche patrocinado polo teu tatuador local de confianza.
Por último, e sen dúbida entre os máis chocantes, está a ursusagalamatofilia, de nome impronunciable pero definición moi clara, aínda que esta sexa tamén difícil de poñer en voz alta en certos contextos. Di así: "aínda que poida resultar estraño, a excitación sexual polos xoguetes de peluche ou por persoas disfrazadas con traxe de animal, como osos, tigres, cans ou gatos, é uno fetiche moito máis frecuente do que a xente podería chegar a imaxinar".
Dende JoyClub finalizan esta académica exposición cunha defensa da apertura de miras no tocante á sexualidade: “Aínda que cada vez estamos máis abertos cara a temas de sexo, o mundo do fetiche segue rodeado de tabús. O medo ao rexeitamento ou á reacción doutra persoa é algo que pode xogar na nosa contra, pero é importante lembrar que, no sexo, a comunicación é fundamental". Queda dito: o importante é pasalo ben e non mancarse no proceso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.