Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2022 | Actualizada ás 20:15
Luis García Montero, un dos poetas en castelán máis prolíficos e laureados das últimas décadas, pasará por Santiago para recibir unha medalla da man do Consello da Cultura Galega. Farao nun acto previsto para o vindeiro venres 25 no que tamén será galardonada a profesora titular de literatura galega na Universidade de Barcelona Helena González, natural da área de Vigo.
O Consello da Cultura Galega entregará así as súas Medallas de Honra ao poeta e actual director do Instituto Cervantes e á profesora apuntada ao tratarse de nomes recoñecidos pola súa contribución na promoción da lingua e a cultura galega no exterior. O acto terá lugar ás 19:00 horas no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é de acceso libre ata completar a súa capacidade e será retransmitido en directo pola web do CCG.
O recoñecemento achegado creado en 2018 para destacar a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este galardón, destacan dende o CCG, pretende salientar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o destacado peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea.
Luis García Montero (Granada, 1958), catedrático de Literatura Española na Universidade de Granada, é un recoñecido poeta, ensaísta e crítico literario. Desde o 2018 dirixe o Instituto Cervantes, desde onde desenvolve un decidido programa na defensa da diversidade lingüística e cultural de España, segundo explican dende o CCG. Recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Nacional de Literatura (1994), o Premio Nacional da Crítica (2003) ou Premio Poetas do Mundo Latino (México, 2010). É un bo coñecedor da figura de Rosalía de Castro, así como de numerosos autores españoles ou latinoamericamos como Adolfo Bécquer, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Luis Rosales, Rubén Bonifaz Nuño, Francisco Ayala ou José Emilio Pacheco.
García Montero desenvolveu desde a súa chegada ao Instituto en 2018 un programa de defensa e divulgación da diversidade lingüística e cultural de España, a través dos centros do Cervantes repartidos por medio centenar de países. No marco desa liña, foi un dos asinantes do primeiro acordo de colaboración a catro bandas entre o CCG, o Ramon Llull, Instituto Cervantes e o Etxepare Euskal Institutua que se asinou en maio de 2020.
Helena González Fernández (Comesaña-Vigo, 1967) é profesora titular da Universidade de Barcelona, onde é docente de literatura galega e directora do ADHUC - Centro de Investigación en Teoría, Xénero e Sexualidade. Desde 2017 é académica correspondente da Real Academia Galega. As súas actividades de investigación e promoción cultural céntranse na crítica literaria feminista, a cultura popular, a literatura galega contemporánea e desenvolveu un importante labor nas relacións culturais entre Galicia e Cataluña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.