Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2022 | Actualizada ás 15:04
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cre que a posible marcha do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao PP nacional "abrirá un espazo de oportunidade a outras opcións políticas", polo que, "historicamente, todos os cambios políticos en Galicia teñen pivotado sobre o PSOE".
En rolda de prensa este luns, o alcalde situouse co líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, para afirmar que "é imposible compaxinar ser presidente da Xunta e presidente do PP en Madrid". Aínda que lembra que "non hai ningunha incompatibilidade legal", segundo os estatutos do PP é imposible "ser presidente do PP de Galicia e presidente do PP de España" ao mesmo tempo.
Ademais, indicou que esta situación política xerará "un escenario novo en Galicia" que abre a "posibilidade a outras opcións políticas". Aínda que o partido na oposición con máis respaldo no Parlamento é o BNG, o PSOE "pivotou todos os cambios políticos" en Galicia.
Expuxo que o motivo deste fenómeno é que a sociedade galega é "madura" e por iso nos cambios "o compoñente de confianza e seguridade é absolutamente fundamental". Ademais, dixo que será aí onde o PSdeG terá unha "clara oportunidade", para o que será necesario presentar un proxecto "pragmático" e "sólido" no que os galegos "sintan que poden confiar".
"Non vai ser nada fácil para o PP substituír a un líder que gañou catro eleccións con maioría absoluta", lembrou o rexedor, e alertou de que o PP "sempre é unha dura competencia" na Comunidade e que "ignorar iso sería un erro moi serio".
Por tal motivo, recoñeceu que "sexa cal for o candidato do PP, moito se teñen que equivocar para que as cousas sexan fáciles" para o PSdeG. Pero reflexionou que, aínda que "Alfonso Rueda pode transmitir unha imaxe de continuidade, pode non ser suficiente".
O dirixente do Concello de Santiago avanzou que, "nuns anos, o PSOE vai volver a ter a oportunidade" de loitar pola dirección da Xunta, pero que "o aproveite ou non dependerá de como responda ás necesidades da cidadanía".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.