'Pensatermos', un xogo para poñer a proba o teu coñecemento do galego en calquera lugar

A webapp, lanzada pola Mesa, consiste en formas palabras cun número limitado de letras. Canto máis longa sexa a construción, máis puntos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou esta mañá o Pensatermos, un xogo "lixeiro e gratuíto" para entreter co que se predende tamén fomentar o uso da nosa lingua. Dende a plataforma destacan que, nestas semanas, as redes "están a ferver" cos xogos lingüísticos  como o Wordle, que xa conta coa súa versión en galego, ou o Pauralògic, unha idea de Jordi Palau desenvolta por Pere Orga para RodaMots que está arrasando en Cataluña e na que se basea, precisamente, o Pensatermos.

Pensatermos
Pensatermos | Fonte: A Mesa

Como explican dende a asociación, Pensatermos é un xogo lixeiro e gratuíto para "entreterse a calquera hora do día" e que consiste en formar palabras a través de sete letras, sendo unha delas de uso obrigatorio. As palabras deben ter como mínimo tres letras e non ser formas verbais conxugadas, nin termos en plural. A puntuación do xogo determínase polo número de letras utilizadas: 1 punto por palabras de tres letras, 2 puntos por palabras de 4 letras e a partir das cinco letras, tantos puntos como teña a palabra. Se se utilizan todas as letras, faise un pleno e obtéñense 18 puntos.

"Este xogo chega a Galiza despois de que varios socios e socias que viven en Cataluña fixeran chegar a petición á Mesa de facer unha versión adaptada ao galego. Isto foi posíbel grazas á boa vontade dos seus creadores, que cederon o xogo para que se puidese traducir e adaptar á lingua galega. A base de datos coa que se forman as palabras foi unha contribución da Academia Galega e do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo, que facilitaron de boa gana toda a termiloxía que recollen os seus dicionarios", inciden dende a asociación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta