A situación laboral na Finsa; doce anos esperando por un novo convenio e co salario conxelado

Finsa leva sen renovar o convenio laboral desde 2009 segundo fontes sindicais. Actualmente empresa e traballadores negocian acordos económicos bianuais. A isto súmanlle o feito de teren o salario conxelado desde 2019, a pesar de iniciar negociacións en 2021 sobre este asunto.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 14/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As centrais sindicais CCOO e USO denunciaban a pasada semana a reticencia da madereira Finsa a negociar un novo convenio laboral. O último convenio finalizou en 2009 e desde aquela empresa e persoal negocian acordos parciais cada dous anos. Isto tamén inclúe os salarios que en principio irían adaptándose en relación ao IPC, aínda que as fontes sindicais indican que a consolidación desta adaptación non chega ao 100% do Índice de Prezos real.

Fábrica De Finsa En Padrón (A Coruña)
Fábrica De Finsa En Padrón (A Coruña)

CONVENIO SEN RENOVAR

As negociacións para un convenio laboral entre presoal e dirección de Finsa están nun punto de impass segundo Jesús Fernández, CCOO e Rubén Cao, USO. A situación vén de atrás, cando en 2009 non se conseguira unha renovación do convenio de 2005. A isto súmaselle, segundo Fernández e Cao, unha conxelación salarial desde o ano 2019.

Actualmente “mantemos acordos bianuais, acordos parciais coa empresa para manter as táboas salariais en base ao IPC” sinala Rubén Cao. Segundo o representante de USO estas táboas non son de todo rigorosas porque “moitas veces non chegan ao 100% do IPC”. Sobre por que a empresa non quere renovar o convenio laboral a resposta é que a Finsa “non lle interesa mellorar as condicións laborais do persoal”.

As reunións entre representantes do persoal coa empresa non están aportando nada novo, segundo apunta Jesús Fernández: “as xuntanzas son cos avogados da empresa e directivos mais sentimos que tentan dilatar as negociacións e por iso sempre quedan sen recoller complementos dentro dos acordos”.

SALARIOS E CATEGORÍAS

Os complementos referidos por Fernández serían aqueles dos anos 2019, 2020 e 2021. “A xente agora mesmo demanda novas licenzas, calendarios máis favorables para o verán e seguros médicos”. A outra cara da moeda para o representante de CCOO é a sensación de veren como a empresa “quixese poñer en dúbida os beneficios destes dous últimos anos”. “En 2020 os beneficios foron de 100 millóns de euros e en 2021 foron de 150 millóns, e os salarios non se incrementaron” apunta Rubén Cao.

Sobre os salarios actuais, un oficial de segunda a dúas quendas, mañá e tarde, estaría cobrando 1.200 euros netos. Na mesma categoría profesional con quendas de mañá, tarde, noite, festivos e fins de semana, o salario neto estaría en 1.400 euros.

Por outra parte, os representantes sindicais apuntan a necesidade dun cambio para outorgar as diferentes categorías laborais. Tanto CCOO como USO denuncian a arbitrariedade da empresa no momento de subir ou cambiar as categorías laborais. Estes cambios suporían incrementos salariais e promocións internas. “Agora mesmo hai oficiais de primeira e de segunda que están no mesmo posto coas mesmas tarefas dentro da mesma quenda” sinala Fernández a quen Cao engade: “e ademais, persoas que levan poucos anos teñen subido de categoría sobre profesionais con moitos máis anos de experiencia”.

“Todo o cambio de categorías a grupos profesionais está sobre sobre a mesa desde 2006” apunta Cao. “Os cambios están regulamentados polo convenio marco estatal da madeira mais a empresa nunca o recolleu no seu convenio colectivo” explica Fernández quen insiste na arbitrariedade da concesión de categorías.

Galicia Confidencial contactou coa empresa que se abstivo de facer valoracións sobre o actual estado das negociacións para un convenio laboral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta