Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2022 | Actualizada ás 18:33
CC.OO., a través dos servizos xurídicos do sindicato en Ourense, logra un novo avance no recoñecemento dos dereitos de conciliación da vida laboral e familiar para as traballadoras dependentes da administración pública galega. A instancias do sindicato, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou o dereito dunha traballadora dunha escola infantil a adaptar o seu horario laboral de maneira que lle permitise atender o coidado dos seus pais.
Esta petición fora, inicialmente, denegada polo Consorcio Galego de Servizos e Igualdade e Benestar (CGSIB). Agora, o alto tribunal galego dálle a razón á afectada e condena o ente - dependente da Consellaría de Política Social- a aboarlle a cantidade de 3000 euros en concepto de danos e prexuízos.
A traballadora levaba varios anos na quenda de mañá, pero foi cambiada á quenda de tarde cun horario laboral de 13:00 a 20:00 horas. Na súa solicitude, pedía poder traballar en horario de 9 a 16 horas, pero o Consorcio negouse. Por esta razón, os servizos xurídicos de CCOO en Ourense presentaron a correspondente demanda ante a Sala do Social do TSXG, que lle recoñece á denunciante o dereito a ter un horario compatible coa atención e coidado dos seus proxenitores, que polo seu estado de saúde precisan axuda e atención para a realización das actividades da súa vida diaria.
O Tribunal ve suficientemente acreditada e xustificada a petición da traballadora e conclúe que o recoñecemento do dereito non supón para o Consorcio "unha especial dificultade organizativa e produtiva", xa que a denunciante "non viña prestando servizos na quenda de tarde ata agora". Así mesmo, o centro de traballo conta con oito educadoras e ningunha outra persoa goza de medidas de conciliación ou adaptación.
"LAMENTABLE" ACTITUDE DO CONSORCIO
Para CCOO é "especialmente lamentable" que esta vulneración de dereitos parta dunha entidade como o Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar, cuxa finalidade é precisamente a prestación de servizos de conciliación para a cidadanía galega, como escolas infantís, residencias ou centros de día.
O sindicato insta a Consellaría de Política Social a que non permita que a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar "siga conculcando o exercicio dos dereitos de conciliación ao seu propio persoal e siga malgastando diñeiro público en indemnizacións, xa que non é a primeira traballadora que ten que demandar para poder exercer os seus lexítimos dereitos en materia de conciliación", sinala CC.OO.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.