Manifestacións nas rúas galegas para pedir a fin da guerra de Ucraína

A plataforma 'Galiza pola Paz' concentrou varios centros de persoas nas principais urbes do país. As ONGs implicadas sobre o terreo do conflito piden colaboración cidadá.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2022 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

A plataforma 'Galiza pola Paz' manifestouse este domingo nas principais cidades galegas para pedir a fin da guerra de Ucraína e apoiar medidas diplomáticas para acabar co conflito. Baixo o paraugas deste colectivo, do que forman parte membros do BNG e do sindicato CIG, centos de persoas saíron ás rúas galegas para reivindicar a fin da guerra.

Na mobilización celebrada en Santiago de Compostela, o portavoz da plataforma, o escritor Suso de Toro, fixo un chamamento para "desarmar a guerra e armar a diplomacia". Nesa mesma liña pediu á Unión Europea e ao Estado español unha "posición activa" de procura dunha saída pacífica á guerra, que considera debe pasar sobre un "acordo estable" dunha Ucraína "neutral" na fronteira con Rusia.

En Santiago, o lugar elixido para a concentración foi a Praza do Toural, mentres que na Coruña e Ourense fixérono fronte á Subdelegación do Goberno. En Vigo, concentráronse no Farol de Urzáiz; en Lugo, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina e en Ferrol na Praza de Armas. Na concentración celebrada en Ourense os manifestantes pediron o rexeitamento da intervención militar de Rusia en Ucraína, "a solidariedade" co pobo ucraíno e con "os millóns" de refuxiados, a fin das accións bélicas e a "volta da diplomacia" para a resolución do conflito.

Manifestación en Santiago de Compostela da plataforma 'Galiza pola paz'. BNG
Manifestación en Santiago de Compostela da plataforma 'Galiza pola paz'. BNG | Fonte: Europa Press

Así pois, desde a plataforma defenden "un cambio do papel" da Unión Europea "neste conflito" e apostan por vías pacíficas e diplomáticas; así o fixeron saber trasladando que "ningunha sociedade pode estar a favor de ningunha guerra". Na concentración que definen como "unha resposta" ante un conflito internacional que "nos afecta a todos en todo", sostiveron pancartas coa frase "pola paz e a soberanía dos pobos, non á guerra" e "Putin - Otan= 0". 

Esta mobilización únese a outros actos reivindicativos como o mantido xornadas atrás en diversos hospitais do país pedindo a fin dos bombardeos e ataques con mísiles sobre hospitais e centros médicos. O conflito ruso-ucraíno ten as súas orixes en 2014 pero non foi até o pasado 24 de febreiro cando se estendeu á práctica totalidade do país invadido e chegou aos telexornais estatais. 

ONGS GALEGAS NA FRONTE

A Coordinadora Galega de ONGs de Desenvolvemento puxo en valor o traballo das organizacións non estatais que traballan en Ucraína, en especial, polo seu labor de coordinación da acollida de persoas refuxiadas e a atención ás persoas máis vulnerables, menores de idade e adultos maiores.

Nunha nota de prensa, a coordinadora quixo explicar o traballo da ONG no terreo porque consideran "complexo" de entender para a cidadanía que fan este tipo de organizacións e como traballan neste momento en Ucraína. Así, explicaron que, ademais de prestar atención aos máis vulnerables, o seu labor principal céntrase na distribución de produtos de primeira necesidade, atención directa sanitaria e psicolóxica ás persoas que foxen dos bombardeos e coordinación da acollida de persoas refuxiadas, en primeira instancia na fronteira, e posteriormente a súa distribución por diferentes países.

Algunhas da ONG galegas que agora mesmo traballan no terreo de forma coordinada con outras entidades de emerxencia son Médicos del Mundo, Ayuda en Acción e Farmamundi, entre outros. Así, a Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento volveu a insistir en que para todas aquelas persoas interesadas en colaborar, a mellor opción é que acheguen, na medida do posible, ás entidades especializadas en axuda humanitaria e xestión de crise para que poidan ter recursos e respaldo para realizar o seu traballo sobre o terreo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

¿ E a quen lle piden o fin da guerra ? ¿ A Rusia? Non creo que lles faga moito caso.