A vida afogada en facturas eléctricas: "Ou pago a luz ou lle dou de comer ás miñas crianzas"

Os incrementos do prezo da electricidade están conducindo moitas familias a situacións de vulnerabilidade enerxética cuxas implicacións chegan ata á saúde das persoas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ás veces a vida vaise compoñendo paradoxo a paradoxo. O último traballo de Beatriz Lorenzo antes de recibir a baixa médica foi de comercial para unha compañía enerxética, pero despedírona logo de que tivese que ausentarse do seu posto laboral por unha crise de ansiedade. No medio daquel centro comercial no que traballaba, captar clientela resultaba extremadamente difícil, explica. "A xente estaba moi queimada polos recibos da luz, e enganar con ofertas non vai comigo". Quizais porque sabe ben o que é estar no lado da enganada.

Unha muller quéntase ao carón dunha estufa
Unha muller quéntase ao carón dunha estufa | Fonte: arquivo

A Beatriz, unha nai con tres crianzas ao seu cargo, chegoulle no último mes unha factura da luz de 124 euros, máis do dobre do que pagaba o inverno pasado. Isto, sen prender a calefacción, coa luz encendida o mínimo tempo posible e aproveitando cada lavadora coma se fose a última. E é que asumir o aumento que os prezos da electricidade levan meses protagonizando resulta "inviable" para cada vez máis persoas e familias, que se ven obrigadas a renunciar á confortabilidade dos seus propios fogares para non chegar a fin de mes co peto baleiro.

As súas crianzas asumiron rápido a necesidade de priorizar os destinos do pouco diñeiro que entra á casa. "Estes días que chegaba a luz a 500 euros, a miña filla era a primeira que me dicía: 'mamá, hoxe non poñas a lavadora'. Ela acaba conxelada mentres estuda porque non nos podemos permitir enchufar as estufas", conta Beatriz, que ten pendente ir á oficina de Naturgy para solicitar o fraccionamento do pago da última factura. "Vas, fas un escrito e peléxaste con eles porque che poñen uns mínimos que sobrepasan as túas expectativas. Prorrateas e cando te das conta estanche pasando recibos de 50 euros de meses anteriores ademais das facturas do propio mes", explica.

O que cobra non chega aos 600 euros. "Son 19 por día", ten calculado. Beatriz, que tamén traballou de camareira, foi desafiuzada en dúas ocasións. Lembra ben cada un dos cortes de luz e auga que sufriron ela e os seus fillos. Porque as opcións son poucas - "ou pago as facturas ou lle dou de comer ás miñas crianzas" - e a escolla, indubidable. Os días de frío pásanos cunha capa sobre doutra, "coma se foses unha cebola", e os días de verán abafador non entra sequera na cabeza a posibilidade de instalar aire acondicionado. A lavadora busca acubillo nas horas de electricidade máis baratas, a vitroceránima funciona o mínimo posible, e na casa nunca falta quen avise: "Esa luz! Apaga!".

ALUGUERES QUE COMEN OS SALARIOS

Estas dificultades na vida cotiá adoitan recibir o nome de pobreza ou vulnerabilidade enerxética, que á fin, non deixa de ser pobreza, sen apelidos. Sófrena aquelas familias que non poden pagar o alto custo da enerxía e vén normalmente acompañada doutro tipo de privacións como a pobreza alimentaria. Colectivos migrantes, familias monoparentais, conformadas na maioría dos casos por mulleres con crianzas, e persoas percibidoras de axudas sociais ou con desempregos de longa duración son as máis afectadas. No 2020, o número de fogares galegos que eran incapaces de manter a súa vivenda a unha temperatura axeitada ascendía a 259.300. Ao efecto da pandemia, súmase o do incremento de prezos sostido nos últimos meses e disparado trala guerra en Ucraína. 

Unha muller e a súa crianza cean á luz dunha vela
Unha muller e a súa crianza cean á luz dunha vela | Fonte: arquivo

"Agora os datos son moi superiores se o constatamos co número de persoas que chaman ás entidades dicindo que non teñen para pagar os recibos e que buscan axuda para solicitar o bono eléctrico. Non é un fenómeno novo pero a situación estase agravando moito", remarca Xosé Cuns, director en Galicia de EAPN. O diagnóstico é semellante de parte de Ana Pardo, da asociación Provivienda. "Xa este inverno moitas persoas nos dicían que ía tocar pasar frío. Neste momento as familias están tremendamente preocupadas, tomando medidas moito máis drásticas".

O primeiro "gran obstáculo", de carácter estrutural, para superar a vulnerabilidade enerxética atópase na falta de acceso a unha vivenda digna, adecuada e asequible. Os últimos datos arroxan que ao redor de 250.000 vivendas en Galicia teñen serios problemas de humidades, pero a tendencia alcista dos prezos agrava a exclusión residencial mesmo daqueles fogares de menor calidade. "Moitas persoas teñen que escoller entre pagar o alugueiro ou ter a calefacción acesa, ou entre pagar o alugueiro e mellorar a calidade da súa alimentación", explica Cuns. 

Cando Beatriz Lorenzo quedou na rúa por segunda vez, atopar un piso en Vigo por 300 ou 400 euros que reunise as condicións necesarias volveuse para ela misión imposible. "Precisas avais bancarios, seguros de inquilinos... Se estás nunha lista de impagos xa non podes facer nada", explica. Foi entón cando se puxo en contacto con Provivienda. Desde esta entidade, relata Pardo, "traballamos co mercado da vivenda para poñer un fogar a disposición das familias que chegan a nós derivadas dos servizos sociais ou doutras entidades. Facemos intermediación do pago, seguimento e acompañamento profesional durante o primeiro ano para que todo funcione ben entre as persoas inquilinas e propietarias". 

INEFICIENCIA ENERXÉTICA

Con todo, a inaccesibilidade das vivendas leva as persoas con menos recursos a habitar aquelas casas en peores condicións. A vivenda na que agora viven Beatriz e os seus fillos é antiga. "Non está illada, tes as tellas enriba túa, e as ventás de aluminio deben ter 40 anos polo menos", describe. A nivel enerxético non resulta nada eficiente, o frío entra por calquera fenda. Sen dúbida, esta ben podería ser unha das casas obxectivo da campaña que cada ano desenvolve a FEAPAC - a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña -, que, segundo explica Xosé Manuel Golpe, realiza "microauditorías enerxéticas" en vivendas obxectivo dun concello, da man dos seus servizos sociais.

"O que facemos é unha revisión técnica e monitorizamos esa vivenda durante uns meses a través duns dispositivos que van medindo temperatura, humidades e consumo eléctrico", explica Golpe, experto en enerxías renovables. "Logo inventariamos todos os electrodomésticos, revisamos as carpinterías metálicas, o tipo de vidros..., e buscamos melloras de eficiencia enerxética", indica. "Chegamos a situacións complicadas e ás veces cunha dose de formación e unha pequena inversión pódese chegar a mellorar a situación dunha familia", explica. 

Para el, unha das claves desta ineficiencia enerxética atópase na "falta de formación". "É un problema que afecta a totalidade da sociedade. Coñezo pouca xente que entenda unha factura eléctrica ou que saiba planificar os gastos", expón. Nos fogares que visita cada ano adoita atoparse con electrodomésticos vellos, lámpadas que consomen máis do que deberían ou coa ausencia dun sistema de calefacción propiamente dito que fai que as familias tiren de estufas en determinadas habitacións. "Todo isto vai engordando as facturas", explica. 

A POBREZA ENERXÉTICA NA SAÚDE

As elevadas facturas eléctricas, ademais de impactar directamente no peto das familias, implican tamén problemas de saúde cando se precariza o confort dos fogares para intentar rebaixar os custos. Vivir entre humidades e a temperaturas non adecuadas pode agravar enfermidades crónicas. "Atopámonos moitas veces con catarros que non dan curado e cun empeoramento dos problemas de base a nivel respiratorio", explica Pardo, de Provivienda.

Pero non só. A Beatriz diagnosticáronlle fibromialxia e dous tipos de artrose, que lle provocan a sensación, agravada cando vai frío, de que o corpo "se acartona". Sofre tamén de ansiedade e de estrés crónico, e está pendente de valoración médica para iniciar un tratamento para a depresión. "Vivir cos ingresos moi xustos, non poder pagar as facturas da luz, que son enormes, e non ter unha vivenda en condicións tócache moito a nivel psicolóxico. É imposible de explicar o mal que te podes sentir por non ter como comprar o que precisan os teus fillos para o colexio", explica Beatriz, que recoñece que ás veces a casa, e a vida, lle "poden".

"Nos servizos sociais chámannos usuarias, pero realmente somos persoas, ás que estas situacións nos traen moitas consecuencias a nivel físico e psicolóxico. Hai que coñecer as realidades desde dentro", demanda. "Eu xa perdín a vergoña de que me poñan a etiqueta de pobre".

AS TRABAS ATA CHEGAR ÁS AXUDAS

Na actualidade, o bono eléctrico impulsado polo Goberno do estado conxúgase a nivel galego  coas Axudas Urxentes de Tipo Social (AUXS) para evitar cortes de suministro eléctrico a persoas en situación de vulnerabilidade. Dende a Rede Galega contra a Pobreza esixen "reducir o factor burocracia" e "aumentar o esforzo orgamentario" para solventar os problemas de infravivenda a través de medidas de rehabilitación. "Debería ser un apoio fundamental desde a Xunta. Mentres iso non se amañe, seguirán sendo parches asociados a bastante burocracia", indica Cuns.

O de Beatriz Lorenzo é un deses fogares aos que non chegan todas as axudas. Se ben conta co bono de alugueiro social da Xunta de Galicia, ata o momento non puido acceder ás axudas específicas ao gasto eléctrico por "problemas administrativos" vinculados á custodia compartida das súas crianzas. "Solicitan moitos papeis, ás veces é ilóxico". E denuncia: "Segue habendo moita xente que non podemos chegar a certas axudas. A administración non ten a capacidade para levar á práctica todo o que pon sobre o papel".

Máis alá dos "parches" económicos que poidan impulsarse, Xosé Cuns pon o foco na existencia dun "oligopolio enerxético" que motiva que "non se adecúen as facturas á situación de emerxencia social". "Estamos tendo moitas queixas, sobre todo con Naturgy, porque chegan a moitas familias recibos con importes desorbitados. Na oficina de Santiago hai colas de máis e 30 persoas que van queixarse dos recibos e pedir o bono eléctrico", explica. "Están prexudicando de fronte a moitas persoas, aproveitándose das desgrazas".

Segundo expón Xosé Manuel Golpe, o deseño do bono social, complementado coas axudas da Xunta, "non está mal"; mais o "problema de raíz", afonda, "é o prezo de referencia". "Que un consumidor vulnerable teña o seu prezo de electricidade indexado ao mercado maiorista, ao 'pool', é unha animalada. Cando o mercado tolea, os principais prexudicados son os consumidores máis vulnerables. De feito, agora dáse unha paradoxa: hai familias ás que lles compensa abandonar o bono social e pasar a unha tarifa do mercado libre. Isto non debería ser así. Quen ten que garantir a protección social é o Estado, non unha empresa", indica.

Para el, o primeiro paso a dar ten que ver con "liberar de carga impositiva" as enerxías. "Na tarifa eléctrica pagamos peaxes que non deberían estar aí", explica Golpe, que pon o exemplo das primas ás renovables ou da chamada solidariedade interterritorial. "Para que en Ceuta, Melilla, Canarias e Baleares paguen o mesmo de peaxes que pagamos o resto do Estado, contribuimos con 900 millóns de euros vía tarifa, cousa que debería estar nos Orzamentos Xerais do Estado". Estas mudanzas, di, "non afectarían só aos consumidores vulnerables, senón tamén á industria, co cal non poñerías en perigo o emprego e favorecerías a redución da pobreza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta