'Aquí medra a lingua', seis fragmentos para coñermos as realidades do galego

O Consello da Cultura Galega sacou adiante o proxecto 'Aquí medra a lingua', un conxunto de pezas audiovisuais que mostran diferentes programas de dinamización lingüística. Entre os obxectivos está mostrar as distintas realidades que viven mozos e mozas galegofalantes en cada unha das comarcas galegas. Búscase ter unha ferramenta que permita interrelacionar os distintos modelos existentes para crear máis sinerxías.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/04/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

'Aquí medra a lingua' naceu como unha plataforma para darlle voz a diferentes proxectos dinamizadores do galego en centros educativos. Buscábase un elemento coa intención de darlle unha presenza máis activa a toda a comunidade, desde o profesorado, o alumnado, as familias e en definitiva, a contorna que envolve os proxectos dinamizadores da lingua. O formato audiovisual permitiu gravar seis capítulos en tantos outros centros educativos e persoas relacionadas con eles e por último, un documental dará paso aos testemuños de profesorado, alumnado e pais e nais.

Fotograma de 'Aquí medra a lingua'
Fotograma de 'Aquí medra a lingua' | Fonte: CCG

NACEMENTO E DESEÑO

Carme García Mateo é a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. “Concluímos que estaría ben un instrumento visibilizador das boas prácticas de dinamización e propuxemos dar voz ás diferentes iniciativas a prol do uso transversal do galego” sinala Carme García. E dita visibilización debería facerse mediante ferramentas audiovisuais.

A concreción deste punto foi unha tarefa cuxo resultado final pedía “facer seis capítulos curtos, logo de facermos unha escolma de seis centros, e finalmente crear un documental” di García Mateo. “Cada semana farase unha proxección nos centros elixidos”, onde ademais do propio IES tamén se poderá ver vídeos doutros institutos.

Os vídeos foron realizados por Cristina de la Torre e Pio Cribeiro. Ambos os dous percorreron Galicia para gravar en cada un dos lugares escollidos “e pasabamos o día dentro de cada un” sinala de la Torre. “Cada peza é unha descrición do traballo realizado no ámbito da dinamización lingüística, ademais de podermos sentir o ambiente arredor de cada modelo”.

Cristina de la Torre, quen xa traballara co CCG, sinala con énfase “o dinamismo entre profesorado, alumnado e familias en canto levar adiante o modelo educativo máis o lingüístico”. Desta maneira puido coñecer a maneira “en que traballa cada equipo docente e ver como o alumnado se sente moi solto, iso é un indicador de que onde hai actividades coa lingua hai moito traballo detrás”.

CONCRECIÓN

“O equipo fomos eu máis un cámara, Pio Cribeiro, así a gravación non foi un elemento invasivo, case che presentaría a rodaxe como unha “road-movie”” describe de la Torre. “Buscabamos transmitir información sobre cada centro mediante un traballo de documentalismo, basicamente entrevistas e observación da contorna”.

Cristina de la Torre e Pio Cribeiro buscaron o xeito para darlle aos vídeos “unha visión optimista sobre o galego, ademais, cada centro é un mundo e vas descubrindo que hai moita vocación profesional entre o profesorado e moita organización”. O desexo final é que o conxunto de pezas sexa unha ferramenta para eliminar prexuízos sobre a lingua e que esta actitude se traslade do centro ao resto da contorna. “O que máis me gustou foi falar con exalumnos e exalumnas, cada quen vivindo a súa vida mais cunha actitude en positivo sobre a lingua”.

“Hai frescura, optimismo dentro deses vídeos, ves orgullo dos falantes nativos e tamén o desexo de manter o uso do galego ao mesmo nivel en todos os aspectos da vida” di Carme García. “Para nós conseguir que catro ou cinco nenos castelán falantes acaben usando o galego sen complexos ao final da primaria xa é un éxito”.

Ao final, outro resultado é o aspecto positivo das novas tecnoloxías para a lingua. “O uso de ferramentas tecnolóxicas permitirá a incorporación de neofalantes ademais de servir como material didáctico”, destaca García. “E sobre todo neste caso, non falamos só de gravar, falamos dunha elaboración tanto na imaxe como no guionado”.

'Aquí medra a lingua' subirase á web do CCG. Aínda así, vaise esperar até finais de abril para ter uns resultados definitivos da experiencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta