Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/03/2022 | Actualizada ás 13:42
As queixas por vulneración de dereitos lingüísticos no uso do galego duplicáronse en 2021 respecto ao ano anterior, segundo A Mesa pola Normalización Lingüística, que presentou, na sede da Deputación da Coruña, os resultados do informe correspondente ao seu servizo 'A Liña do Galego'.
Trátase dun servizo que ofrece A Mesa para atender consultas sobre dereitos lingüísticos e a través do que se tramitan tamén queixas cara a institucións ou empresas que vulneren os mesmos, segundo lembraron os participantes na comparecencia. Nela, estiveron, entre outros, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; a secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, e a deputada provincial María Muíño.
Segundo recolle o citado informe, a entidade tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app de 'A Liña do Galego' un total de 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 consultas e 58 felicitacións. O ano anterior, foron 350 expedientes, deles 219 queixas e 20 consultas.
QUEIXAS SOBRE O SERGAS
As administracións públicas e, principalmente o Sergas, acumulan o maior número de queixas tramitadas pola Mesa. Celia Armas precisou que "a maior parte son corrixidas polas institucións e empresas privadas", aínda que sostivo que o número tramitado "evidencia que non só A Liña é unha ferramenta exitosa senón que cada vez é máis necesaria".
A maioría das queixas, segundo o informe, derivan da falta de atención oral e escritura en galego, da sinalización e rotulación dos establecementos exclusivamente en español e da deturpación de toponimia galega nas comunicacións escritas e nas páxinas web das empresas.
Pola súa banda, o presidente da Mesa sostivo que o informe reflicte unha "mínima" parte de casos ao haber máis que non se denuncian, segundo apuntou. Á súa vez, a deputada provincial cualificou de "preocupante" a situación do galego e defendeu a necesidade de iniciativas deste tipo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.