Chega a Santiago "Unha perspectiva atlántica": unha xornada sobre o papel da muller contra a ditadura

María Xosé Porteiro e Luz Darriba coordinan esta cita na que participan destacadas especialistas de Galicia, Portugal e América Latina.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/03/2022 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

Unha perspectiva atlántica é o título dunha xornada coa que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), pertencente ao Consello da Cultura Galega (CCG), atende este xoves 31 ao papel que as mulleres realizaron na década dos setenta do século pasado contra as ditaduras.

Imaxe dalgunha muller na etapa do Franquismo
Imaxe dalgunha muller na etapa do Franquismo

María Xosé Porteiro e Luz Darriba coordinan esta cita na que participan destacadas especialistas de Galicia, Portugal e América Latina. A presidenta Rosario Álvarez, é a encargada de inaugurar esta cita presencial que tamén se pode seguir en directo desde a web e as redes sociais da institución.

O caso galego chega da man das historiadoras Raquel Fernández Reguera e Ana Cabana. O relatorio da primeira titúlase "O movemento feminista organizado galego no tardofranquismo e na transición", mentres que o da segunda é "Mulleres e conflitividade rural na Galicia da transición cara á democracia".

A realidade arxentina estará presente na intervención que Micaela Fernández Darriba, experta en comunicación e organizacións feministas latinoamericanas, ofrecerá por videoconferencia co título "Cruzamentos e relecturas: as mulleres galegas e a súa participación na historia e a política da Arxentina moderna".

A directora, guionista e produtora, Manane Rodríguez ofrecerá unha visión sobre Uruguai. E de América Latina en xeral falará, tamén por videoconferencia, Antonia Ángela Yáñez Barros, docente de Literatura e expresa política da ditadura en Uruguai.

A sesión pecha co caso de Portugal, que nos chega da man da profesora da Universidade do Porto, Ana Sofía Ferreira, cun relatorio titulado "Mulleres en loita: a participación das mulleres nos movementos sociais do proceso revolucionario portugués (1974-1976)".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta