A Xunta insiste en promocionar o Xacobeo nunha reunión sobre medio ambiente coa UE

A Comisión de Recursos Naturais do Comité Europeo das Rexións reunirase en Santiago en xuño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2022 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións decidiu celebrar a súa próxima reunión, os días 2 e 3 de xuño, en Santiago de Compostela, coincidindo coa celebración do Ano Santo Xacobeo 21-22. Segundo confirmou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, a candidatura galega, baseada no Camiño de Santiago, é idónea como "exemplo de turismo sustentable capaz de axuntar o desenvolvemento puramente económico coa sustentabilidade dos recursos naturais e culturais".

Así mesmo, destacou o papel do Camiño como impulsor da cohesión social e xeográfica, cuestións que serán obxecto de debate na reunión da comisión NAT na capital compostelá. Así o trasladou Gamallo tras a última reunión desta comisión, na que os seus membros intercambiaron experiencias en materia de "verificación rural", un mecanismo proposto pola Comisión Europea para garantir que as necesidades das zonas rurais se teñan en conta nas iniciativas desta Comisión.

De feito, no último cume de Rexións e Cidades celebrada en Marsella, o Comité Europeo das Rexións adoptou un manifesto en liña co ditame 'Unha visión a longo prazo para as zonas rurais da UE', no que se destaca a necesidade de pór en marcha unha axenda rural europea que favoreza a integración de zonas rurais e urbanas, e conduza a accións de rehabilitación sustentable.

Á marxe destas cuestións, a NAT tamén abordou na súa última reunión a posta en marcha da Unión Europea da Saúde e a aplicación rexional dos plans estratéxicos nacionais da Política Agraria Común (PAC). Galicia participa na comisión NAT deste comité e tamén a Comisión de Cidadanía, Gobernación e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX).

Igrexa de Saint James de Dublín iluminada co símbolo do Xacobeo 2021-22.. XUNTA
Igrexa de Saint James de Dublín iluminada co símbolo do Xacobeo 2021-22.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta