O BNG presentará alegacións ao proxecto do parque eólico Monte Neme porque "provocaría danos irreparables"

Sitúase no límite entre os concellos coruñeses de Carballo e Malpica de Bergantiños.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/04/2022 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O BNG anunciou que presentará alegacións ao proxecto do parque eólico Monte Neme, no límite entre os concellos coruñeses de Carballo e Malpica de Bergantiños porque consideran que provocaría "danos irreparables". Deste xeito, convidan tamén a ambos os concellos a unirse e a "seguir o camiño aberto" por diferentes asociacións e polos veciños directamente afectados.

Malpica de Bergantiños co Monte Neme ao fondo onde se instalará unha gran proxecto eólico
Malpica de Bergantiños co Monte Neme ao fondo onde se instalará unha gran proxecto eólico | Fonte: Petón do Lobo

Os nacionalistas denunciaron que o novo parque obrigaría a cambiar os usos do chan, coa consecuente perda de valor e afectaría á vida diaria de moitos veciños, en concreto, de forma directa, aos habitantes das parroquias de Oza, Cances, Leiloio ou Cambre, que terían que soportar o ruído dos aeroxeradores.

Ademais, tamén destacaron que o impacto visual suporía "dinamitar todo o potencial turístico da zona de costa", xa que consideran que sería imposible un "aproveitamento turístico sustentable, baseado na fermosura e o carácter diferencial da paisaxe, nas súas praias e no patrimonio cultural e natural que atesoura".

O BNG recoñeceu a importancia da enerxía eólica para o desenvolvemento de Galicia, pero cren que debe ser "innegociable" que ese desenvolvemento respecte as persoas e o territorio.

Así mesmo, volveu a demandar unha tarifa eléctrica galega que "abarate o prezo da enerxía para todos os sectores económicos e para o consumo domiciliario", unha reivindicación que "cobra máis sentido" no contexto actual de "suba especulativa dos prezos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta