O Goberno permitirá ás eólicas ocultar información dos seus parques para "acelerar a descarbonización"

As promotoras xa non terán que facer público o impacto ambiental de boa parte dos proxectos eólicos anunciados. A medida, moito máis laxa que as da Xunta, estaba "agochada" nun pequeno apartado do decreto anti-crise aprobado a finais de marzo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2022 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

Importantes novas para a loita contra os eólicos a pé das aldeas en Galicia. A plataforma ecoloxista Adega vén de denunciar un cambio legal co que o Goberno estaría a pisar o acelerador da carreira do vento pasando por riba das garantías legais que até agora protexían a cidadanía contra a sede de hectáreas das grandes compañías eléctricas.

Parque eólico - Pexels: Elena Zhuravleva
Parque eólico - Pexels: Elena Zhuravleva

A problemática sitúase no eido da avaliación ambiental. Os proxectos de enerxía renovable, como calquera outro de grande incidencia no medio, teñen que ser públicos no tocante ao seu impacto sobre a natureza e vida circundantes. Até o momento, este trámite cumpríase da man das avaliacións de impacto ambiental, documentos expostos a consulta pública durante un período determinado de tempo.

As asociacións veciñais e ecoloxistas adoitan estudar detidamente estes documentos para detectar posibles irregularidades que non poucas veces rematan xudicializados e mesmo paralizando os proxectos. Pero agora, o Goberno central vén de eliminar a obrigatoriedade de facer públicos tales documentos. E, o que é máis, faino cun pequeno texto agochado entre folios e folios dedicados ao combate da crise económica pola guerra ucraía. 

Segundo detallan dende Adega, o decreto estatal suspende por tres anos --até decembro de 2024-- a tramitación ambiental dos parques eólicos e centrais solares. Este trámite sería substituído por "un informe de parte sen consulta pública". O levantamento da norma afectará só a aqueles parques de até 75MW de potencia... un límite fácil de esquivar para as empresas acostumadas a fragmentar irregularmente os seus proxectos. 

NORMA AGOCHADA

A medida vén incluída no Real Decreto-Lei 6/2022 polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína. "Trae un agasallo envelenado para o medio ambiente galego", subliñan dende Adega. Precisamente, Eldiario.es recolleu xornadas atrás que o RD, xa aprobado, colou unha regularización de chans radioactivos.

Deste xeito, o Goberno recorre a unha vella manobra da Xunta de Galicia para introducir leis pouco amables: obrigar a que se voten nun 'pack' --como xa aconteceu co Decreto das máscaras-- ou mesturalas entre o papeleo dunha lei maior --no caso galego acontece recorrentemente coas Leis de acompañamentos dos Orzamentos anuais--.

A suspensión da Avaliación de Impacto Ambiental faise co gallo de "acelerar a descarbonización e reducir a dependencia enerxética". O resultado, inciden dende Adega, é que os documentos privados pasarán a ter a mesma validez que os que eran expostos ao público, poñendo en serias dificultades o movemento veciñal e ecoloxista nas súas tarefas de fiscalización dos parques.

"Esta manobra permitirá ás empresas enerxéticas unha tramitación 'express' dos seus proxectos, dificultando aínda máis a participación da veciñanza, colectivos sociais e concellos na tramitación de parques que atinxan ao seu territorio, e ficando sen apenas marxe para poder defender os seus intereses", inciden dende Adega, antes de sinalar que se derivará nunha "maior desprotección ambiental e maiores prebendas para o oligopolio eléctrico".

NORMAS MÁIS LAXAS QUE A XUNTA

Cómpre sinalar que a norma non será de aplicación para aqueles proxectos que puideran afectar a entornos protexidos como a Rede Natura 2000. Pero aquí entra en xogo a xestión de Feijóo. "Acontece que en Galiza, por obra e graza da Xunta, temos a Rede Natura 2000 máis cativa de todo o Estado (non chega ao 11%); os humidais protexidos cóntanse cos dedos dunha soa man e só 4 das 200 especies ameazadas contan cun plano de conservación ou recuperación aprobado", inciden.

"Como consecuencia deste secular desleixo da Xunta pola conservación ambiental, o Ministerio incluíu como aptos espazos tan sensíbeis como a Serra do Suído, as Chans do Barbanza ou a Lagoa de Alcaián, entre outros moitos incluidos nas propostas de apliación da RN2000 que a Xunta nunca quixo aprobar e que deste xeito fican no albo da especulación eólica", subliñan.

A proximidade entre as xestións de Feijóo e Sánchez --ou Ribera-- reflíctense no propio cariz do Decreto, con grandes semellanzas a respecto daquelas "leis de depredación" coas que a Xunta reduciu os tempos de exposición pública dos mesmos proxectos. Pero agora o Goberno vai un paso máis alá e, directamente, elimina o requisito de publicación dos documentos. Todo despois de longos meses de loita e mobilización da banda do asociacionismo galego e nun momento en que, precisamente, o Goberno se ve sinalado pola enorme suba de prezos das materias enerxéticas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta