Aflora a contratación en precario na CRTVG mentres os sindicatos acusan de inmobilismo á compañía

Uns corenta traballadores e traballadoras da CRTVG poderían quedar sen traballo no ente se se cumpren os agoiros sobre os procesos de consolidación de emprego. Os comités de traballadores e traballadoras denuncian a inmobilidade da dirección para negociar vías de solución ante o que consideran un abandono de profesionais, algúns con máis dunha década de traballo na compañía.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O chamado á orde desde a UE ao Goberno español ante a excesiva porcentaxe de temporalidade en organismos públicos, obrigou á creación da lei 20/2021 para a consolidación de postos de traballo en administracións públicas e entidades de carácter tamén público. Entre estas últimas está a CRTVG, un ente público onde o persoal denuncia prácticas contractuais abusivas, concatenación de contratos por obra e servizo (ata que deixaron de ser legais). Todo isto sacou á luz un “conglomerado” de contratacións que en ocasións non tiñan relación coa modalidade laboral reflectida no documento. Por outra parte, existe o temor de cesamentos para persoal que ao mellor xa tiñan case dúas décadas ou máis traballando na Corporación.

Comité Intercentros
Comité Intercentros

CONSOLIDACIÓN OU CESAMENTO

A CRTVG podería deixar fóra do seu cadro de persoal a corenta persoas de cumprírense as espectativas marcadas pola Corporación de cara a consolidar postos de traballo temporais en base á lei 20/2021. Así daríase cumprimento ás medidas esixidas pola UE ante a desmesurada porcentaxe de temporalidade no sector público. O risco está en que pode haber persoas cuxo posto de traballo podería quedar extinto de non superaren unhas probas de consolidación. Ante esta perspectiva, as forzas sindicais tentaron o pasado martes 12 de abril, negociar unha solución para este persoal. Segundo as fontes sindicais a resposta da Corporación foi que “valorará a proposta do Comité Intercentros”.

“Estamos falando de corenta persoas cunha relación laboral indefinida non fixa coa CRTVG e que responden á lei 20/2021, é dicir, teñen unha antigüidade ininterrompida anterior a 1 de xaneiro de 2016”, di o presidente do Comité Intercentros, Santiago Alvite (CIG). Estas persoas poderían entrar nun concurso de méritos, non obstante, algunhas non denunciaron a súa situación laboral irregular (contratos encadeados, contratos de artista mentres fan labores de redacción). De non superar un concurso de méritos este persoal cesaría.

Actualmente hai varias casuísticas contractuais dentro da CRTVG, como sinala Jesús Domínguez, presidente do comité de empresa en San Marcos por CCOO. “Temos persoal con sentenza de indefinido, persoas que ocupan interinidades con reserva de praza por excedencia, tamén hai temporais en listas de contratación que van encadeando contratos”. Domínguez cre que se poden aplicar medidas para cubrir a todo o persoal. “Podemos reducir contratos en prácticas, hai persoas con contratos artísticos e que ao mellor levan 15 ou máis anos facendo labores de redacción, isto facíase para non ter que ir ás listas de contratación”.

Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais
Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais | Fonte: @DefendeAGalega

“Actualmente hai 214 persoas con indefinición por sentenza firme na Corporación, durante as negociacións a empresa decidiu ampliar o número de prazas para consolidar de 243 a 261” apunta Raimundo Méndez, UGT. A oferta da CRTVG incluiría as persoas indefinidas e as taxas de reposición. Méndez considera que é un bo momento aproveitar agora a lei 20/2021 para tentar recoller o maior número de persoal e asentalo nos seus postos e aínda así “as propostas da compañía non resolven totalmente a temporalidade dentro da mesma”.

“Todo o persoal é necesario para sacar adiante a pouca produción propia que realiza a CRTVG” sinala Andrea de Francisco, da CUT. “O 25 de marzo houbo unha reunión entre comité e empresa, a cuestión era a cantidade de prazas para sacar a concurso e sobre todo, que sucedería coas prazas inconsistentes como contratos de obra ou artísticos”. Durante esa reunión a postura da directiva foi a de non ceder. Esta postura relaxouse un mínimo o pasado 12 de abril cunha lixeira apertura dos directivos.

MOBILIZACIÓNS

As posturas diverxentes desembocaron nun chamado aos paros intermitentes de primeiras e paros totais seguidamente en caso dunha nova negativa por parte da dirección. Así, o 20 de abril está previsto o inicio dos paros, neste caso de media xornada. O mesmo acontecerá o 27 de abril cun paro de media xornada. Os días 1 e 2 de maio haberá paros totais de non haber solución. As datas están perto da convocatoria para as probas de consolidación, o 1 de xuño de 2022.

Con todo, os procesos previos á convocatoria poderían dilatarse por cuestións administrativas ou por inconveniencia das datas. Se así fose, os sindicatos ven unha nova oportunidade para continuar as negociacións de cara unha mellora nas condicións até o momento das probas. “Axudaría a sumar máis interinos e outras modalidades laborais” sinala Domínguez.

A día 13 de abril desde o Comité Intercentros achegouse a proposta de consolidación de empregos na CRTVG, onde destaca en primeiro lugar a oferta de emprego público total. Desde o propio Comité Intercentros sinalan que “a bola está no tellado da Empresa, corresponde a ela decidir se a aceptar ou deixar polo camiño compañeiras e compañeiros con até 16 anos de antigüidade”.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. EUROPA PRESS - Arquivo
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta