Inditex e a refinería da Coruña disparan as exportacións galegas

Soben un 33'4% con respecto a febreiro de 2021, unha cifra que supera a media do Estado en máis de cinco puntos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2022 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

As exportacións galegas alcanzaron os 2.410,7 millóns de euros en febreiro, o que supón un repunte do 33,4% en comparación co mesmo mes de 2021, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) este martes. Con todo, non se trata dunha mellora substantiva senón do chamado efecto rebote: é dicir, unha suba alta logo dunha caída pronunciada.

Aínda así, este incremento é superior ao 27,1% de avance interanual na media estatal, con preto de 30.000 millóns en vendas no conxunto do país. O peso galego nas exportacións do estado ascende ao 8,1%. No acumulado do que vai de ano, xaneiro e febreiro, as vendas ao exterior de Galicia elévanse un 35,1%, tamén neste caso por encima do dato estatal (25,9%).

Os produtos con maior influencia positiva nas exportacións foron as pezas de vestir (non de punto), que se duplican e chegan a un peso que roza o 10%. Combustibles, peixes e materias téxtiles son outros grupos que alcanzan os maiores incrementos. No outro extremos, as vendas de barcos son as que experimentan máis baixada.

As expedicións á UE (o 65,6% do total) presentan unha taxa de variación anual do 21%. Aumentan as vendas ao comprador máis importante que ten Galicia, que é Francia (+7,2%), así como a Portugal (+44,9%), Países Baixos (+141,7%) e Bélxica (+44,8%). En cambio, diminúen a Italia (-8,5%) e Alemaña (-17,6%). Fóra da UE, sobresae o aumento de vendas dirixidas a Reino Unido.

No tocante ás importacións, soben un 12% en febreiro, con 2.083 millóns, o que arroxa un saldo positivo de 327,6 millóns de euros. No acumulado dos dous primeiros meses esa balanza comercial supera os 500 millóns. Baixan as compras a Francia (-48%). Na última semana de febreiro comezou a invasión rusa a Ucraína. As vendas galegas a Rusia incrementáronse nese mes un 45%, aínda que o importe total só alcanza os 8,9 millóns. As importacións creceron un 70,8%, cun importe de 14 millóns.

Arquivo - Novo edificio de Zara.Com en Arteixo (A Coruña). INDITEX - Arquivo
Arquivo - Novo edificio de Zara.Com en Arteixo (A Coruña). INDITEX - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta