Música e danza africana nun festival de balde en Santiago

O Galinké Folí traerá concertos e obradoiros ao barrio do Castiñeiriño o vindeiro 30 de abril.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2022 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Santiago prepárase para un dos eventos culturais máis interdisciplinares e completos da estación. O vindeiro sábado 30 de abril está previsto que teña lugar o Galinké Folí, unha festa da danza e música africanas que comprenderá concertos, obradoiros, jam de improvisación e xantar; todo organizado pola asociación cultural Galinké na Escola Vella do Castiñeiriño.

Galinké Folí
Galinké Folí | Fonte: Galinké

Segundo explican dende a organización, a xornada festiva está artellada arredor da cultura da costa oeste africana e dará comezo ás 11h da mañá, incluíndo actuacións musicais, comida popular e cea con aromas africanos, jam session e formacións. "Pola mañá", engaden, "a coreógrafa e pesquisadora Eva Azevedo impartirá o obradoiro de danza Farisogo Sirá e posteriormente o alumnado de percusión e danza de Galinké fará a mostra do aprendido nas aulas regulares da asociación. Despois do xantar, dará comezo a jam session, até as 18h que está programado o obradoiro de percusión con Paulo das Cavernas, músico en proxectos coma Terrakota".

Máis avanzanda a tarde, cara as 20,30h, terá lugar a aula aberta de Afrohouse con Geni Muxima, especialista en danzas urbanas de Angola, e posteriormente darán comezo os concertos. Abre Macheta Supah Sound, banda de afrobeat con influencias do jazz, soul, músicas caribeñas; e seguirá Chekan, banda de latin rock, con temas de Santana ou Sapo entre outros. Por último, Dj Floro, recoñecido DJ de músicas do mundo e histórico colaborador de Sonideros en Radio 3, porá o peche a xornada festiva.

Os organizadores apuntan que se trata dunha xornada aberta "a todas as idades" e todas as actividades son de balde, agás os obradoiros de Eva Azevedo e Paulo das Cavernas, para os que é preciso inscribirse no email ascgalinke@gmail.com. "A realización do evento é posible grazas ao apoio do Concello de Santiago e a Rede de Centros Culturais, ademáis de numerosas persoas voluntarias", inciden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta