Manifestación contra a "colonización" de Galicia: "non somos españois, somos galegos"

A concentración convocada por Vía Galega en Santiago reuniu a centos de persoas pola autodeterminación do territorio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2022 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Centos de persoas manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela para reclamar a autodeterminación de Galicia baixo a lema 'Somos unha nación' e conmemorar a Revolución Galega de 1846 e os Mártires de Carral. A manifestación, convocada pola Plataforma Vía Galega, arrincou da Alameda ao berro de 'Que queiran, que non, Galicia é unha nación', 'non, non, non á colonización' ou 'por españois nunca pasaremos'.

Os asistentes, que percorreron a zona vella da capital galega ata a praza de Pratarías, demandaron unha república galega e defenderon a forza "imparable" do nacionalismo. "Non somos españois, somos galegos. Somos un pobo con dereitos por máis que lle escoza ao Estado español", aseverou Isabel Risco, encargada de introducir o acto final na praza compostelá.

Anxo Louzao, Marta Dacosta, Daniel Asorey, Pablo Carracedo "Jasper" e María Xosé Bravo foron os encargados de ler o manifesto final en representación dos máis de 60 colectivos que conforman esta plataforma social. O acto tamén contou coa actuación musical do grupo "Un pobo, unha selección" que gravou o himno deportivo das seleccións galegas.

"Como nación libre, Galicia poderá construír unha sociedade con traballo digno e sen emigración, máis democrática, máis xusta e de maior igualdade e benestar social", asegurou o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, en declaracións aos medios. Louzao apuntou que "non hai plena democracia se non se garanten os dereitos colectivos dun pobo; por iso Galicia como nación ten dereito á autodeterminación".

A plataforma rexeita así "subordinacións e dependencias" e lamenta que "mentres Galicia contribúe a desenvolver outros territorios do Estado, lla condena a emigrar, cuns salarios dos máis baixos do Estado e as segundas pensións máis reducidas". "Exportamos o 30% de electricidade e pagámola a prezo de ouro, non temos un sector público da enerxía e tampouco unha tarifa eléctrica galega, iso condena á pobreza enerxética as clases populares, mentres os oligopolios do sector, no ano 2021, ingresaron 2.700 millóns da electricidade que producimos", argumentou.

En base a todo isto, a plataforma esixe "romper a dependencia colonial" con España e urxe un modelo económico "autocentrado" e un sistema fiscal e de financiamento "propio e soberano". Por último, recalcan a necesidade de "combater a galopante españolización e o ataque ao idioma e cultura galegos".
 

Manifestación en Santiago de Compostela pola autodeterminación de Galicia. PLATAFORMA VIA GALEGA
Manifestación en Santiago de Compostela pola autodeterminación de Galicia. PLATAFORMA VIA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Gamela

Francisco Rodríguez Sánchez (Paco) https://viagalega.gal/asinantes-ind...

3 Sentidiño

Un auténtico fracaso. Dúas mil persoas nunha convocatoria que debería ser de obrigado cumprimento para o nacionalismo con carné. Oito mil militantes ten o BNG, máis dez mil simpatizantes... De persoas doutras militancias, ou de ningunha, que puidesen ser seducidas por este acto, mellor non falar.

2 Contrabandista

Una grande xornada para o meu business

1 Carme

Saír á rúa é a única maneira de defender o noso rural, o noso mar, a nosa lingua, ...... Estamos a ser absorbidos polo madrileñismo sen presa pero sen pausa. Somos galegas, e queremos seguir a selo!!!!!