Denuncian que o servizo de Medicina Interna do Hospital de Valdeorras traballa "á metade"

CESM destaca que "isto xera unha tensión nos profesionais que pode chegar a afectar á seguridade clínica e á responsabilidade dos propios facultativos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2022 | Actualizada ás 10:06

Comparte esta noticia

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) denuncia a redución "á metade" dos facultativos especialistas de área (FEA) do Servizo de Medicina Interna no Hospital Comarcal de Valdeorras, ao pasar de "10 profesionais a cinco nos últimos meses" polo que esixe "solucións inmediatas".

Segundo sinalou este sindicato, en ocasións chegou a atoparse no servizo con só dous facultativos, despois de que hai case un mes pedise solucións urxentes á Xerencia da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas para resolver esta situación crítica.

"Aínda que na actualidade o servizo conta con seis facultativos, pola recente reincorporación dun médico que se atopaba de baixa, o certo é que deses seis profesionais hai un que continúa con redución de xornada, polo que situación segue sendo insustentable", indicou.

Este sindicato médico traslada que a falta de persoal "levou a suprimir a atención de coidados paliativos, a limitar as consultas a só primeiras valoracións e está a pór en risco a atención continuada, dado o elevado número de quendas de garda que cada Facultativo debe asumir".

Por iso, CESM destaca que "os facultativos están a sufrir sobrecarga de traballo" e, en "ocasións só houbo dous facultativos para atender todas as funcións do Servizo de Medicina Interno no hospital".

Para CESM "isto xera unha tensión nos profesionais que pode chegar a afectar á seguridade clínica e á responsabilidade dos propios facultativos". "A deterioración da calidade asistencial é tal, que os propios pacientes percíbena ao sufrir demoras na atención polo incremento das listas de espera, o que está a provocar situacións tensas, que acaban en altercados verbais e ata en agresións físicas nalgunha ocasión", engadiu.

CESM Galicia considera "inadmisible" que nestes momentos "haxa prazas estruturais vacantes nese servizo como as de xefe de servizo, xefe de Sección e varias de FEA, que deberían saír sen demora a concurso de traslado e OPE". "E atopémonos nesta situación límite", afirmou.

Hospital Comarcal de Valdeorras.
Hospital Comarcal de Valdeorras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eumesmo

En Verín, o mesmo