A Xunta declarará iniciativa empresarial prioritaria a planta de metanol verde en Mugardos

Forestal do Atlántico investirá 130 millóns, nunha actuación que se prevé estea terminada en 2025 e suporá 120 empregos novos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2022 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Consello, na súa sesión deste xoves, aprobará a declaración como iniciativa empresarial prioritaria do proxecto que promove Forestal do Atlántico para construír unha planta de metanol verde en Mugardos, na que prevé investir máis de 130 millóns de euros.

Así o avanzou este mércores durante unha visita ao complexo industrial da empresa Forestal do Atlántico, situada en Mugardos, onde se deu a coñecer un novo proxecto desta compañía, que catalogou de "verde, viable, sustentable, que dinamiza e ademais crea emprego".

O presidente do Goberno galego detallou que este proxecto consiste na materialización dunha "planta de produción de metanol verde, cun investimento de 130 millóns de euros, que podería estar operativa no ano 2025 e que vai supor a creación de 40 postos de traballo directos e uns 80 indirectos, que redundará nunha comarca moi necesitada de emprego".

Segundo detallou Núñez Feijóo este proxecto estima en "30.000 ou 40.000 toneladas a produción de metanol verde ao ano". "Pódese ir a máis a partir do dióxido de carbono capturado nas instalacións da propia empresa, ademais da produción hidróxeno utilizando enerxía eléctrica de orixe renovable". "O obxectivo é durante o proceso de osíxeno, licuar e almacenar para a súa comercialización ata 60.000 toneladas anuais, logrando abastecer a planta e exportar", asegura.

"Con este proxecto lograríase o obxectivo que perseguimos, o círculo virtuoso, reducir as emisións de gases, de efecto invernadoiro, contribuír á descarbonización do sector industrial, investir en Galicia, crear materia prima galega, empregos e xerar o benestar de máis dun centenar de familias", remarca. É por iso que Feijóo resaltou que "esta é unha iniciativa que a Xunta vai protexer, impulsar e a coidar". Declararase de interese empresarial prioritario para "facilitar toda a súa tramitación e que se poida facer no menor tempo posible e con toda a seguridade xurídica".

FORESTAL DO ATLÁNTICO

Pola súa banda, o CEO de Forestal do Atlántico, Roberto Tojeiro, detallou que este proxecto "logrou superar moitos outros de todo o continente". "Xa estaba deseñado antes da chegada da pandemia, a cal nolo paralizou durante un tempo", informou.

"Temos dúas vantaxes, xa que a maioría das infraestruturas e as instalacións xa se están realizando e funcionando, ademais de que a empresa xa ten desde hai tres décadas experiencia para manexar, almacenar, comercializar e transportar o metanol; pero xa partimos con persoal experto, ademais de ser consumidores deste tipo de produto", sostén.

Tojeiro tamén apuntou que, ademais dos novos postos que se crearán, este proxecto tamén permite "consolidar os 150 postos de traballo que xa se teñen en Forestal do Atlántico". Agradece o papel de "todas as administracións para poder chegar ata aquí e poder seguir crecendo".

O presidente do Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita a empresa Forestal do Atlántico para coñecer a futura planta de metanol verde en Mugardos. MONCHO FONTES
O presidente do Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita a empresa Forestal do Atlántico para coñecer a futura planta de metanol verde en Mugardos. MONCHO FONTES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta