Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 08/05/2022 | Actualizada ás 12:00
En castelán, para dar a entender que malia que alguén diga de broma ou brincadeira unha cousa, esa cousa ou ben é certa ou ben vai pasar, non é raro recorrer a secuencias do tipo de aunque lo digas[diga, digáis...] de broma # de coña.
En galego, inda podendo botar man desa mesma secuencia sintáctica, temos un xeito de dicir propio co que expresamos exactamente o mesmo: rindo que o digas[diga, digades...].
Aunque lo digas[diga, digáis...] de broma # de coña
{= Expresións con que se dá a entender que malia que alguén diga de broma ou brincadeira unha cousa, esa cousa ou ben é certa ou ben vai pasar.}
Rindo que o digas[diga, digades...]
Ex.: Pues aunque lo digas de broma, es una persona con un corazón que no le cabe en el pecho.
Pois rindo que o digas, éche unha persoa cun corazón que non lle colle no peito.
Ex.: —A lo mejor la próxima temporada el Celta se mete en Champions. —Pues aunque lo digas de coña ‡ no lo digas de coña, que está conformando un equipo muy competitivo.
—Se cadra a vindeira temporada o Celta métese na Champions. —Pois rindo que o digas, que está a conformar un equipo moi competitivo.
● Tamén:
Inda/Aínda que o digas[diga, digades...] de broma # de brincadeira # de carallada # a brincar
● E mesmo:
Aunque lo digas[diga, digades...] de guasa # de chunga # de chiste # de burla(s) # de chacota # de chufla
Inda/Aínda que o digas[diga, digades...] de risa # de chanza # de burla(s) # de brinca # de chufa # de chunga # de mofa # de moca # de leria # así de coma quen # de chola # de chacota
NOTAS:
1. En certas ocasións a secuencia expresiva rindo que o digas[diga, digades...] tamén dá conta de contextos en que en castelán parece que o máis normal podería ser usar enunciados do tipo de aunque te[le, os] parezca una broma o aunque lo tomes[tome, toméis...] a broma:
Ex.: —¡¿Pero de verdad que están planeando dar un golpe a la mafia?! —Pues sí, aunque te parezca una broma ‡ aunque te lo tomes a broma.
—¡¿Pero de certo que están a planear darlle un golpe á mafia?! —Pois rindo que o digas.
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.