Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/05/2022 | Actualizada ás 18:02
Traballadores dos centros do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, convocados por CNT, protestaron este martes ante as portas do ente, así como ante o edificio dos sindicatos en Santiago, para reclamar melloras laborais e que garantan os seus postos de traballo.
A protesta enmarcouse na xornada de folga que este sector convocou para este martes e que, segundo trasladou a Consellería de Política Social, tivo un seguimento do 9,4%.
Ás 11,00 horas, un cento de traballadores destes centros concentrouse ante o edificio do Consorcio e reclamaron reunirse co seu xerente. Posteriormente, trasladáronse ao edificio dos sindicatos, aos que acusan de non defender as súas necesidades.
"Merecemos conservar os nosos postos de traballo". Este é o principal argumento co que a CNT convocaba esta folga, xa que consideran que a futura convocatoria pública de prazas "non dá garantías" de facer fixos aos traballadores temporais que levan anos con esta condición.
O seu delegado no Consorcio, Pablo Fernández Lois, asegurou que a formulación dun concurso-oposición "non garante" que estas persoas poidan quedar estabilizadas, a pesar de que os empregados temporais serían "os que máis opcións teñen".
Neste contexto, a CNT expón que os méritos profesionais puntúen "un 90 por cento" na convocatoria "para que se estabilice o traballador, que é o afectado polo abuso (da temporalidade), non que se estabilice a praza".
Con este proceso de estabilización, denuncia Fernándz Lois, a sanción que asume a Administración pública polo "abuso da temporalidade" é "cero", a diferenza do que ocorre se os traballadores acoden aos tribunais, que declaran que se fagan fixos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.