Máis de 4.000 vítimas de violencia de xénero en Galicia son protexidas por fozas e corpos de seguridade do Estado

"Fronte a esta secuela social non cabe tolerancia, nin xustificación, nin banalización", subliñou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen destacou que o Executivo destinará no ano 2022 máis de 20 millóns de euros a combater a violencia machista en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2022 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

Na actualidade, as forzas e corpos de seguridade do Estado protexen na comunidade galega a 4.167 vítimas. Na provincia da Coruña son 1.889 os casos activos de violencia de xénero identificados.

"Fronte a esta secuela social non cabe tolerancia, nin xustificación, nin banalización", subliñou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen destacou que o Executivo destinará no ano 2022 máis de 20 millóns de euros a combater a violencia machista en Galicia.

José Miñones fixo estas declaracións este luns na sede da Delegación do Goberno, na Coruña, durante a inauguración da xornada 'Liñas de apoio do Goberno de España ás vítimas de violencia de xénero' moderada pola subdelegada na Coruña, María Rivas. Neste evento interviñeron tamén a directora provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), Eva Fernández, e o director provincial do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), Carlos do Canto.

O delegado enmarcou este acto na política feminista do Goberno e no seu compromiso coa divulgación das axudas e dos dereitos dos que dispoñen as vítimas, tanto a nivel económico, como social, laboral, ou de acceso á vivenda. Estas xornadas celebraranse posteriormente no resto de provincias galegas.

O representante do Executivo empezou a súa intervención lembrando que 65 mulleres foron asasinadas en Galicia en crimes machistas, 23 delas na Coruña, desde 2003, ano no que comezan os rexistros. "Non se pode dar as costas a estes feitos arrepiantes, como pretenden algúns", remarcou.

COGOBERNANZA ESENCIAL

O delegado afirmou que para lograr que as medidas sexan efectivas "é esencial a cogobernanza entre as administracións". Dos máis de 60 millóns de euros que o Goberno dedicou a loitar contra a violencia de Xénero en Galicia desde 2018 ata 2022, 44 millóns son transferencias que o Executivo central realizou á Xunta para financiar o cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e outros programas de igualdade, segundo explicou Miñones.

En 2022, o investimento do Goberno para a loita contra a violencia machista en Galicia superará os 20 millóns. Deles,nove millóns corresponden a trasferencias á Xunta. José Miñones destacou ademais os 11 millóns para impulsar políticas de conciliación e loita contra as violencias machistas a través do Plan Corresponsables, que se activa por primeira vez. A estes investimentos sumarase a transferencia aos concellos, que xa recibiron 5,6 millóns de 2018 a 2021.

José Miñones destacou tamén a creación de servizos de atención integral 24 horas para vítimas de violencia de xénero. Para iso, o Ministerio de Igualdade transferiu cinco millóns de euros á Xunta, destinados á construción de catro centros, un por provincia, dentro do Plan España protéxeche, coa previsión de que estean en funcionamento o ano que vén.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada na Coruña, María Rivas; a directora provincial do INSS, Eva Fernández; e o director provincial do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), Carlos do Canto. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada na Coruña, María Rivas; a directora provincial do INSS, Eva Fernández; e o director provincial do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), Carlos do Canto. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta