Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 20:35
Os colectivos veciñais SOS Suído-Seixo e Alarma na Terra de Montes veñen de lanzar a campaña 'Ollo cos Agapitos!' ante o "asedio constante" das empresas mineiras e eólicas ao benestar e tranquilidade da veciñanza. Segundo explican, os "Agapitos" son "persoas ligadas ás empresas que buscan o enfrontamento veciñal, poucas veces convocan reunións informativas abertas ao público en xeral e unha vez que conseguen o que queren,
mal comprar a terra para as súas empresas, desaparecen".
Os colectivos denuncian que, nos últimos días, persoal da empresa Recursos Minerales de Galicia SA, con sede en Zaragoza e nave de almacenaxe en Forcarei, "se ten visto pola zona de Doade (Beariz). Esta empresa, filial do grupo SAMCA, pretende iniciar un proxecto de minaría de litio nas Serras do Suído e Seixo, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimara un recurso contra el o pasado mes de marzo. 'Alberta 1' afecta os concellos de Beariz, Forcarei, Avión e Cerdedo-Cotobade.
Segundo denuncia tamén Ecoloxistas en Acción, nos últimos días directivos de SAMCA desprazáronse desde Zaragoza para retomar o proxecto, utilizando como base a nave industrial da empresa en Vilapouca, Forcarei. Desta volta, "SAMCA pretende retomar as perforacións con novos sondeos mineiros para dar aparencia de actividade a un permiso de investigación de hai máis de 20 anos que a Xunta se nega a declarar caducado".
En paralelo, alerta Ecoloxistas en Acción, a empresa mineira "xa está ultimando" a documentación dun novo proxecto co que iniciará de novo o procedemento de pase a concesión de explotación, desta volta incluíndo un estudo hidroxeolóxico elaborado pola Universidade da Coruña. Lembran ademais que tanto a Xunta como a mineira están realizando un "fraccionamento artificial de proxectos". Ao mesmo tempo, a empresa Strategic Mineral pretende continuar a explotación cara Avión, Boborás e Covelo, onde está tramitando os proxectos "Alberta 2", "Carlota", "Macarena" e "Maite", explica a organización.
Na mesma liña, os colectivos expoñen que na Terra de Montes son máis de 20 os proxectos eólicos en diferentes estados de tramitación, neste momento 4 en fase de alegacións e que volven contar irregularidades administrativas nos procedementos". Trátase de Conexión Beariz 400kv, Outeiro Grande, Monte Festeiros e dos Cotos.
"Estamos fartas, mais coa fortaleza, de padecer este roubo man a man con todas asociacións e colectivos veciñais que han ir ao monte se unha apisoadora se atreve a rebentar un manancial", sentenzan no comunicado. Por iso, alentan "a toda a veciñanza, a todo movemento popular organizado e a quen queira sumarse a esta campaña a que espalle o material" e alerte ao resto da veciñanza que aínda non está informadas dos proxectos que se estudan para as zonas. "O noso é cousa nosa. A auga e a terra son un ben común sagrado", finalizan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.