Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2022 | Actualizada ás 13:30
O 12 de maio de cada ano celébrase o Día Internacional da Enfermeira e Matrona, unha data escollida por ser o aniversario do nacemento de Florence Nightingale, considerada como a fundadora da enfermaría moderna. Este 2022, o lema que designou o Consello Internacional da Enfermería para a efeméride é "A Enfermería. Unha voz para liderar. Investir en enfermería é respetar os dereitos para garantir a saúde global".
E é que se ben hoxe é un día para a celebración e as homenaxes, tamén o é para a reivindicación. "Levamos anos traballando en precario, unha situación acentuada, aínda máis se cabe, pola pandemia. A mala xestión das diferentes administracións está conseguindo que moitas de nós nos reformulemos se realmente isto merece a pena", recoñece nunha nota o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita.
Con anos de reivindicacións e accións polos dereitos laborais ás súas costas, o colectivo denuncia "continuar traballando con contratos a días e con carteleiras abusivas sen ningún tipo de estabilidade". Unha precariedade que dificulta a conciliación, a organización das vidas persoais e o desfrute de vacacións e mesmo de descansos regrados para todas estas traballadoras esencias. Dende o colectivo tamén critican a "imposición ditatorial por parte das xerencias dos días de traballo e descanso excusándose na falta de persoal ou necesidades do servizo".
Nestas condicións, asegura Enfermeiras Eventuais en Loita, a calidade dos coidados vese afectada. "Os abusos e falta de dereitos reais e efectivos repercuten no máis importante para nós e para o propio sistema sanitario, os coidados que damos ás persoas doentes. Non podemos permitir que isto siga así polo feito de que esta profesión sexa 'vocacional'". Porque a vocación, sinalan, "en ningún caso xustifica a explotación".
Por iso, dende o colectivo de enfemeiras, con motivo desde 12 de maio, deixan no aire algunhas cuestións para espertar conciencias: "Como imos liderar se non temos a suficiente inversión en enfermería?, Como imos garantir a saúde global?, Como coidar se non coidamos a quen coida?, Como dar uns coidados íntegros, continuos e de calidade sen ter unha estabilidade e dignidade laboral?, Como evitar a falta de persoal ou a fuga del cara a outros paísese sectores?", sinalan nun comunicado.
Así mesmo, o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita urxe neste día, no que coincide tamén o acto de investidura do novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "un cambio na xestión e nas políticas cara á nosa profesión". O colectivo protagonizará unha concentración este mesmo xoves na Praza Maior de Ourense ás 20 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.