Luz verde do Congreso á tramitación dunha proposta de lei do BNG sobre a toponimia no ámbito marítimo

Exemplos contrarios á norma, son, tal e como citou: El Ferrol, Santa Eugenia de Ribeira, Isla de Arosa, Isla de la Toja, Isla de la Creba por illa da Creba.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

O Congreso dos Deputados, co apoio do arco parlamentario salvo o voto en contra de Vox e Cidadáns --e a abstención de Navarra Suma--, deu luz verde á tramitación dunha proposición de lei que pretende a modificación da lexislación vixente para que sexa "respectada a toponimia oficial na cartografía das capitanías e os distritos marítimos" de Galicia.

Na defensa da modificación da Lei de Portos do Estado e a Mariña Mercante, cuxa votación se produciu este mércores, o deputado do BNG, Néstor Rego, lembrou que os galegos "recuperaron oficialmente a toponimia propia" en 1983, coa Lei de normalización lingüística de Galicia, "despois de máis de 500 anos de intentos de castellanización da sociedade e a onomástica, antroponimia, hidronimia e toponimia".

O parlamentario nacionalista tamén lembrou a coincidencia do debate co Día dás Letras Galegas --foi debatida este martes e votada este mércores--, nun discurso en que destacou o apoio á normalización da lingua que supuxo, dixo, a mobilización en Santiago de Compostela convocada pola Plataforma Queremos Galego.

Con todo, lembrou que a normativa legal de aplicación (o real decreto 638/2007), que regula as capitanías marítimas e os distritos marítimos aínda a día de hoxe é empregada con toponimia deturpada, o cal afecta mesmo as matriculacións das embarcacións en provincias marítimas como Vilagarcía.

"Temos que traer aquí o debate algo que debería ser motivo de vergoña", apuntou, en relación a que a Administración do Estado debería "cumprir a lei". A normativa di que os topónimos "terán como única forma oficial a propia, a galega" polo que a Administración "debe respectala".

EXEMPLOS COMO "LA TOJA"

Exemplos contrarios á norma, son, tal e como citou: El Ferrol, Santa Eugenia de Ribeira, Isla de Arosa, Isla de la Toja, Isla de la Creba -por illa da Creba. Neste sentido, lembrou que hai uns meses celebrouse un foro na Toxa coa participación do presidente do Goberno e do rei "no que se empeñaron en utilizar o nome Isla de la Toja".

Ao fío diso, apelou a que houbo unha concentración "pacífica" convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, que finalmente acabou con "catro persoas" participantes nela con multas, tras aplicarlle a coñecida como "lei mordaza".

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha intervención en defensa da toponimia no ámbito marítimo. BNG
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha intervención en defensa da toponimia no ámbito marítimo. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta