A Xunta pide modificar o parque eólico de Vilartoxo, en Val do Dubra, pola súa afectación a 'mámoas'

O BNG denuncia o impacto patrimonial e hidrolóxico deste proxecto e o PSdG lembra as sentenzas en contra por instalacións de parques eólicos. A promotora do parque di que traballa nos cambios necesarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, informou de que técnicos de patrimonio cultural avaliaron o proxecto do parque eólico que proxecta Green Capital Power en Vilartoxo, no municipio de Val do Dubra, de forma que se esixe a modificación do deseño inicial para preservar as 'mámoas' Fondo do Val 1 e 2.

Na Comisión de Ordenación Territorial, a deputada Iria Carreira (BNG) expuxo que os veciños de Val do Dubra, encabezados pola asociación Vento Libre, entregaron máis de 2.300 firmas no Parlamento galego para reclamar a paralización deste parque eólico --de 27 megawatts de potencia-- debido ao seu impacto hidrolóxico e patrimonial, en concreto sobre "a primeira estación de arte rupestre" do municipio, que inclúe ao petróglifo de Gavis, así como diferentes 'mámoas'.

Igualmente, a deputada nacionalista denunciou a "fragmentación artificial" deste proxecto e os de Barrosino e Troitomil, dado que "comparten infraestruturas como poden ser a liña de evacuación". Así, enmarca esta situación na "política depredadora" da Xunta "favorecedora de grandes multinacionais".

En resposta, Uría quixo "dar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía", xa que "tramitar un proxecto non significa autorizar", de modo que só se tramitarán aqueles que "sexan compatibles co territorio" e con declaración de impacto ambiental favorable.

Respecto deses tres proxectos eólicos de Vilartoxo, Barrosino e Troitomil, Uría aclara que todos están sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinario, polo que esa "pretendida fragmentación non ten sentido", pois "non son tales as vantaxes" e teñen que seguir a tramitación "máis garantista". Ademais, deixa claro que "é preciso que se compartan" infraestruturas para "non encher o territorio" de liñas eléctricas de evacuación.

PROXECTOS DENEGADOS

Pola súa banda, Uría resaltou que a enerxía eólica xerou 9.558 gigavatios por hora en 2021 en Galicia, o que evitou a emisión de tres millóns de toneladas de CO2 á atmosfera.

Xunto a isto, apuntou que a Xunta rexeitou e arquivou un total de 84 solicitudes de novos parques eólicos de tramitación autonómica, que sumaban 2.295 megawatts. Así mesmo, informouse negativamente de 65 proxectos de tramitación por parte do Goberno central --os que teñen máis de 50 megawatts--, os cales eran de 5.197 megawatts.

SENTENZAS CONTRA A XUNTA

Noutra pregunta nesta mesma comisión, Pablo Arangüena (PSdeG) referiuse a dúas sentenzas do Tribunal Supremo e catro anteriores do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que supoñen unha "emenda á totalidade de gran parte do modelo eólico de Galicia". Subliña que "os máximos tribunais do Estado de dereito" dinlle á Xunta que "está a facer as cousas moi mal".

En concreto, Arangüena falou das dúas sentenzas do Tribunal Supremo que confirman a anulación dos proxectos que serviron de base para a posta en funcionamento dos parques eólicos Sasdónigas fase I e fase II, no municipio lucense de Mondoñedo. O alto tribunal rexeitou os argumentos da empresa e considera que a Xunta debía de ter en conta o contido da declaración de impacto ambiental.

Tamén citou a sentenza do TSXG que anulou e deixou sen efecto, por non ser conforme a dereito, o acordo aprobado polo Consello da Xunta --o 27 de xuño de 2019-- para a modificación do proxecto do parque eólico Serra do Oribio, situado na Zona Especial de Conservación (ZEC) Os Ancares-Ou Courel, en Lugo.

Por todo iso, o deputado socialista censurou que estas sentenzas "danlle un pau considerable á Xunta e vén dicirlle que o que está a facer é ilegal", pois "deixan en evidencia a mala praxe da Xunta", xa que se tramita de "forma chafalleira e incompetente".

Respecto diso, Paula Uría remarcou que a Xunta "respecta as decisións xudiciais", pero díxolle a Arangüena: "Ningunha das sentenzas que vostede menciona son firmes". Acerca dos dous fallos do Supremo en relación con Sasdónigas, "no momento no que o TSXG comunique formalmente a firmeza da sentenza adoptaranse as medidas que correspondan".

Modificacións que realiza Capital Energy para non afectar mámoas no seu proxecto de parque eólico de Vilartoxo
Modificacións que realiza Capital Energy para non afectar mámoas no seu proxecto de parque eólico de Vilartoxo | Fonte: CAPITAL ENERGY

RESPOSTA DA EMPRESA

A empresa Capital Energy, impulsora do parque eólico de Vilartoxo, destaca que xa traballa nas modificacións necesarias para non afectar mámoas da zona.

Capital Energy traslada que "é certo" que as mámoas de Monte dq Medorra e de Porto Rabeiro "si se vían lixeiramente afectadas por un viario". "No entanto, redeseñamos o 'layout' do proxecto e realizado modificacións, tales como a eliminación do viario e a gabia entre a torre de parque e o aeroxerador número 4 para evitar a afección a estes elementos patrimoniais", explica.

Ademais, sostén que están dispostos a reformular aqueles viarios susceptibles de ser modificados. "Ditas modificacións levaríanse a cabo no lado contrario aos elementos patrimoniais", apostila.

"O petróglifo Gavis foi, de feito, descuberto por Capital Energy no marco das intensivas prospeccións que realizamos para o desenvolvemento deste proxecto eólico. É, ademais, o primeiro que se atopa no concello de Val do Dubra. É tamén importante sinalar que non estaría afectado pola construción do parque, porque utilizariamos un viario xa existente e situado a 30 metros deste gravado rupestre", agrega a empresa.

Igualmente, remarca que o parque eólico Vilartoxo "recibiu informes favorables de todos os entes implicados no seu proceso de información pública, agas o de Patrimonio Cultural". Por iso, asevera que se realizan estas modificacións, aínda que falta por emitirse o de Saúde Pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta